DÍA DA PATRIA

25 DE XULLO, DÍA DA PATRIA

FPG REDONDELA

 

Dende que as Irmandades da Fala o instauraron como o Día Galicia en 1920, o 25 de Xullo ven a ser a data na que, ano a ano, reivindicamos todo aquilo que se nos nega. Cada 25 de Xullo deixamos ver que resistiremos e loitaremos ata conseguir a nosa liberdade. Algún día celebraremos o Día da Patria como República Galega que deixa atrás a súa etapa colonial.

Cada 25 de Xullo, os bos e xenerosos, as boas e xenerosas, as galegas e galegos patriotas en fin, saímos á rúa facendo ver aqueles símbolos que representan a nosa identidade e historia común. Hoxe imos percorrer, coa humildade e respecto que merecen, os piares que dan sentido ao noso paso polo mundo. Velaí van:

 

1)      A terra e a lingua.

 Estas son as dúas raíces máis profundas e que nos dan maior conciencia da identidade e unidade a os galeg@s como pobo, tanto para os que viven no país coma para aqueles que tiveron ou teñen que abandonalo.

Para estes últimos que marcharon lonxe da casa á procura dunha vida mellor, tanto o recordo da terra como a lingua materna foron os  dous alicerces máis importantes para conservar  a súa identidade orixinal fronte a adversidade do seu destino.

 

2) O himno. ?hino galego?? – YouTube

Foi resultado dun grande esforzo de coordinación de José Fontenla Leal, xa que a  letra está  baseada no poema “Os pinos” de Eduardo Pondal,  e a música pertence a Pascual Veiga. Ao igual que a bandeira e o escudo, o himno está vinculado ao afán creador da emigración.

Estreouse o día 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro da Habana en homenaxe póstuma a Pascual Veiga e co fin de recadar cartos para lle erixir un monumento en Mondoñedo.

En 1908, a xunta xeral do Centro Gallego declarouno oficial para todas as actividades nas que interviñeran os organismos desta entidade.

A primeira interpretación da que se ten coñecemento en Galicia foi a do 19 de Xaneiro de 1913 no Teatro Principal de Pontevedra.           

 

3) O escudo.

 Identificámonos coa proposta de escudo de carácter liberador e totalmente allea aos fundamentos relixiosos deseñada por Castelao en 1937.

Os elementos principias deste deseño son a fouce, a serea e a estrela (símbolos do traballo, o mar e a liberdade). El mesmo o describe da seguinte maneira: “Non nos quedaba máis que a fouce de ouro sobre un fondo azul e a estrela vermella, como emblemas do traballo e da liberdade. Ourelando o escudo cumpría deixar patente o martirio de Galiza. E a serea, que pertence á heráldica galega, como símbolo mariño que fale do engado atlántico, orixe das nosas aventuras”.

 

4) A Bandeira.

 Máis coñecida como bandeira da patria, ou minoritariamente coma a estreleira (bandeira galega coa estrela vermella), simboliza a loita do movemento socialista e comunista pola independencia e autodeterminación de Galicia.

 

Nós, seguindo aos devanceiros que marcaron o vieiro da liberdade, facemos nosos estes símbolos e rexeitamos a oficialidade vixente que nega a estrela vermella, a serea e todo aquilo que representa a dignidade do pobo galego tratando, baixo a simboloxía imposta pola igrexa e o estado colonial español, que non recollamos a semente que converterá a Galicia en ceibe e proletaria.

 

 

¡ VIVA O 25 DE XULLO!  ¡VIVA A PATRIA GALEGA!

CHAMAMENTO Á MANIFESTACIÓN DO DÍA DA PATRIA 2011

13 organización nacionais fan un chamamento a manifestarse con Causa Galiza o Día da Patria 2011 ás 12:30 desde a alameda de Compostela. A manifestación é convocada baixo a lexenda “Soberania Nacional”http://youtu.be/srdF_6B4T_w

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en DÍA DA PATRIA

SEGUIMOS DE FRENTE…

…Ó QUE ACONTECE NO NOSO CONCELLO.

    DENDE A FPG APOIAMOS COA NOSA PRESENZA TODAS AQUELAS CONVOCATORIAS DOUTROS COLEITIVOS QUE SEXAN XUSTAS.

POLO TREN DE CERCANÍAS

CARAVANA CON SALVA O TREN.

GALIZA PASARÁ A SER O ÚNICO PAÍS SEN TREN DE CERCANÍAS.

CACEROLADA COA ASEMBLEA DE INDIGNADOS DE REDONDELA.

O 23 E 24 DE XUÑO DEBATERANSE NO PARLAMENTO EUROPEO UNHAS MEDIDAS ANTISOCIAIS QUE SO BENEFICIARAN A BANCA,A COSTA DE RECORTES EN SANIDAD ,EDUCACIÓN,DEREITOS LABORAIS…

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en SEGUIMOS DE FRENTE…

DIA DAS LETRAS GALEGAS ANO 2011

CONMEMORANDO A LOIS PEREIRO

EN REDONDELA A 17 DE MAIO DO 2011,
COMO SABEREDES ESTE DIA FORMABA PARTE DOS 15 DIAS DE CAMPAÑA ELECTORAL PARA OS COMICIOS MUNICIPAIS A OS QUE NOS PRESENTABAMOS, TAMÉN E CERTO QUE NON ESTIVEMOS SOBRADOS DE TEMPO NIN DE FORZAS DURANTE DITA CAMPAÑA, DE FEITO FOINOS IMPOSIBLE CHEGAR A TÓDOLOS SITIOS OU LUGARES QUE DEBERÍAMOS.
MAIS PARECÍANOS PORNOGRÁFICO UTILIZAR ESTE DÍA SINALADO I EMOTIVO PARA DAR MITINS POLAS PARROQUIAS, POLA NOSA CONDICIÓN E CONVINCIÓN.
DECIDIMOS ENTÓN CONMEMORAR A “LOIS PEREIRO” EN REDONDELA, POIS ADEMÁIS O ESTAREN EN CAMPAÑA, ESTABAN PROHIBIDAS AS MANIFESTACIÓNS E XA QUE NON ÍAMOS IR A COMPOSTELA APURAMOS O POUCO TEMPO QUE TIÑAMOS E POUSÉMONOS MANS A OBRA.
ARGALLAMOS O PRECISO, ANUCIÁMOLO O MELLOR POSIBLE, E ALÍ ESTABAMOS NA PRAZA DO CONCELLO, NA QUE OS LIBREIROS DE REDONDELA XA TIÑAN ALGO PREPARADO, LEVARON UN GRUPO DE BAILE TRADICIONAL, E MONTARON UN POSTO DE VENTA DE LIBROS NA NOSA LINGUA.
POLA NOSA PARTE, PRECINTAMOS SIMBÓLICAMENTE O CONCELLO, POLO FEITO DE ESTAREN PROHIBIDAS AS MANIFESTACIÓNS E TAMÉN COMO PRELUDIO DA TOMA QUE TIÑAMOS E TEMOS PENSADO LEVAR A CABO, AGORA XA, DENTRO DE CATRO ANOS.
COLOCAMOS UN ATRIL, CON MICRO E ESCOMENZAMOS O ACTO SEN DAR MITINS DA CANDIDATURA, PERO ENFATIZANDO QUE ERA UN ACTO REIVINDICATIVO, XA QUE POR DESGRAZA O FEITO DE CONMEMORAR A NOSA LINGUA PROPIA XA FORMA PARTE DUN POSICIONAMENTO POLÍTICO E DUNHA REIVINDICACION.
TODOS OS MEMBROS DA CANDIDATURA LEMOS PARTE DA OBRA DE “LOIS PEREIRO” , TAMÉN FOMENTAMOS A PARTICIPACIÓN E HOUBO XENTE ESPONTÁNEA QUE SE ANIMOU A SUBIR O ATRIL A COMPARTIR CON NOS. ATA HOUBO QUEN PREFERIU RECITAR A CELSO EMILIO POR INICIATIVA PROPIA.
CABE SINALAR ESTE FEITO PARTICIPATIVO COMO O MELLOR DE TODO, XA QUE ESE DEBE SER O ESPIRITU DE TODO ACTO POPULAR.
POR TODO ISTO ESTAMOS CONVENCIDOS DE REPETIRES ALGO SIMILAR EN PRÓXIMOS ANOS, AÍNDA QUE ESTA POR DEBATER SE FACELO NO MESMO SITIO OU LEVALO A OUTRA PARROQUIA.

AGRADECER PROFUNDAMENTE A TODA A CANDIDATURA DA FPG REDONDELA, A XENTE DO PARTIDO QUE VIU A COLABORAR TANTO NA PARTICIPACION COMO NA ORGANIZACIÓN DO ACTO, E COMO NON O MAIOR DOS AGRADECEMENTOS A TODOS OS PRESENTES, TANTO OS QUE SE ANIMARON A PARTICIPAR DIRECTAMENTE COMO OS QUE ESTIVERON ESCOITANDO E SUPOÑEMOS QUE, COMA NOS, EMOCIONÁNDOSE.

 
 
 
 

 

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en DIA DAS LETRAS GALEGAS ANO 2011

Hoxe mitin en Redondela, mañán en Chapela.

Despois de percorrer todas as parroquias do Concello de Redondela organizando actos e falando co pobo, a candidatura veciñal da Frente Popular Galega pechará a campaña con dous comicios centrais, un en Redondela e outro en Chapela.

Hoxe xoves 19 de maio terá lugar un mitin en Redondela ás 20:30 horas na Casa da Torre. No mesmo intervirán Lara Pérez (candidata nº 16), Adriana Fontán (candidata nº 3), Rafa Balado (candidato nº 2) e Berto Covelo (candidato nº 1).

Mañán venres 20 de maio celebraráse outro mitin de peche de campaña en Chapela ás 20:30 no Colexio de Laredo. No mesmo intervirán o Secretario Xeral da FPG Mariano Abalo, Ricardo Castro (candidato nº 15), Cris Blanco (candidata nº 7) e Berto Covelo (candidato nº 1).

Á ESQUERDA CO POBO E COA TERRA!
Estades todas/os convidadas/os!

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Hoxe mitin en Redondela, mañán en Chapela.

Cuña de Radio

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/rQ4sWSEm_LQ" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Cuña de Radio

Acto da FPG polo día das Letras Galegas

Onte, 17 de maio, organizamos un recital poético homenaxeando a Lois Pereiro na porta do Concello de Redondela, onde veciñas e veciños da nosa vila recitaron poemas do poeta monfortino. Nestes tempos que corren, organizar un acto a prol das Letras Galegas é case un acto político, de protesta, debido ós ataques continuos que sofre o noso idioma por parte das institucións. Pero o ambiente era festivo, como tiña que ser. Contamos ademáis con música tradicional galega e grupos de baile, que amenizaron en todo momento o recital. Dun xeito simbólico, A Frente Popular Galega precintou a casa consistorial durante o tempo que durou o acto e nos solidarizamos co persoal do Grumir acampado na porta do edificio reclamando os seus dereitos. En breve subiremos material audiovisual do acto.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Acto da FPG polo día das Letras Galegas

Programa electoral FPG-Redondela municipais 2011

ELECCIÓNS MUNICIPAIS 2011

REDONDELA

PROGRAMA ELECTORAL PARA O CONCELLO DE REDONDELA

Á ESQUERDA

CO POBO E COA TERRA

ELECIÓNS LOCAIS 2011

PROGRAMA DA CANDIDATURA MUNICIPAL DE REDONDELA DO PARTIDO

FRENTE POPULAR GALEGA

A FPG PRESÉNTASE A ESTAS ELECCIÓNS AO CONCELLO DE REDONDELA PARA DAR RESPOSTA A UNHA NECESIDADE REAL DO POBO TRABALLADOR, MULLERES E HOMES DE REDONDELA, DE TER UNHA REPRESENTACIÓN POLÍTICA PROPIA NO CONCELLO, REPUBLICANA, DE ESQUERDAS, INDEPENDENTISTA, ECOLOXISTA E FEMINISTA.

UNHA CANDIDATURA ALTERNATIVA, NON PACTISTA, ASEMBLEARIA E DEMOCRÁTICA NO SEU FUNCIONAMENTO, QUE POÑA OS ALICERCES DO PODER POPULAR EN REDONDELA.

É POR ISO QUE MILITANTES DA FPG DE REDONDELA, DE ORGANIZACIÓNS SINDICAIS, ECOLOXISTAS, CULTURAIS, VECIÑAIS E SOCIAIS DIVERSAS, ESTAMOS DECIDIDOS A MUDAR ESTA SITUACIÓN QUE PARECÍA CONDENADA A REPETIRSE INFINITAMENTE. TRABALLADORAS E TRABALLADORES, POBO DE REDONDELA CONVENCIDO DA NECESIDADE DUNHA NOVA ALTERNATIVA POLÍTICA QUE POÑA UN FACHO DE LUZ ONDE A MALA POLÍTICA IMPUXO PASIVIDADE E MARXINACIÓN POLÍTICA.

A ALTERNATIVA DE ESQUERDAS

Cómpre superar o mal goberno, o politiqueirismo, a dependencia burocrática partidaria. Urxe sobordar as políticas que supeditan os intereses do pobo de Redondela a expúreos intereses económicos e políticos foráneos, renegar das apetencias de poder, do acomodamento á moqueta, aos avultados salarios, aos privilexios no exercicio da representación política no Concello. É tarefa do pobo rematar, sen máis demora, coa corrupción, co caciquismo e co favor político.

O mal goberno é o goberno xordo, que non escoita o pobo senón os poderosos; o dos políticos que non dan resposta ás demandas populares; o goberno dos partidos que non renovan as súas direccións senón as súas bases, que purgan das súas filas os mellores fillos deste pobo, os loitadores e loitadoras, os críticos, os comprometidos, os que piden explicacións, os insubmisos, os radicais, os que non transitan pola obediencia cega e burocrática.

De nada vale que o caciquismo local protagonizado polo actual alcalde teña continuidade nun novo candidato. Non é críbel que quen tiña que ser oposición e axiña se apuntou ao poder mude o candidato ou a candidata sen mudar as súas políticas e a súa complicidade co poder, facendo ouvidos xordos das demandas das traballadoras e traballadores.

A rebeldía veciñal que durante un tempo boicoteou o proceso electoral do réxime cunha iniciativa real de intervención política, debe dar un paso en positivo golpeando o sistema e o poder onde máis lles doe: na representación política municipal. Debemos mirar o futuro con vontade de intervir, para transformar e construír o poder popular desde a base. Hai alternativa, e esta só pode saír do seo da clase obreira, só nós o podemos facer por nós mesmos, o pobo de Redondela.

Unha nova xeira de mocidade traballadora con conciencia e práctica revolucionaria está disposta a dar a batalla tamén no eido político, con novas propostas, recollendo as arelas populares, facendo das angueiras do pobo armas ideolóxicas para combater os poderosos, os caciques, os burócratas, os submisos. Ar fresco que enche os peitos das e dos militantes con enerxía anovada para gañar o futuro.

A Crise Económica e Financeira.

A crise do sistema capitalista estase a cangar sobre as costas das e dos traballadores incrementando a explotación do traballo asalariado, dilatando aínda máis a xornada laboral, reducindo os salarios, precarizando a contratación, tentando anular a negociación colectiva, recortando as prestacións sociais, as de desemprego, atacando brutalmente o sistema de pensións e recortando substancialmente as mesmas para favorecer os fondos privados de pensións.

Privatización dos servizos públicos, recorte das prestacións sanitarias e da axuda a pensionistas, recortes no sistema educativo reducindo o orzamento do sistema público de educación para favorecer o privado, introdución nas distintas administracións públicas de empresas privadas que xestionan os servizos peor e máis caro cá propia administración, etc. A lista de agravios e recuadas nos dereitos e liberdades colectivas que tanto sangue e esforzo custou conquistar é moi longa, e na administración local temos exemplos claros na limpeza, na cultura etc.

Ante isto, os poderes públicos, copados por esbirros do réxime capitalista, incrementan as políticas recentralizadoras e represivas que pretenden frear a contestación obreira e popular ás políticas antisociais. Non se refunda o capitalismo como predicaban os servidores do capital financeiro, senón que se afonda inda máis nas políticas neoliberais que nos trouxeron a este desastre e a esta crise sabendo que están condenadas de antemán ao fracaso.

E os Concellos son os grandes perdedores desta imposición da lei da selva, xa que se reduce dun xeito escandaloso a súa capacidade de autofinanciamento que proviña da escalada de especulación urbanística desenfreada e que finalmente deu na bancarrota. O seu futuro é incerto e por iso tamén incerto é o futuro do pobo que terá que sufrir o enmagrecemento e a anemia dos servizos públicos fundamentais que prestan estas institucións.

Por todo isto, desde a Frente Popular Galega comprometémonos a facer oposición,  a ser a alternativa da esquerda necesaria no Concello de Redondela guiados polas decisións do pobo organizado en asembleas e en base ao seguinte programa:

PROGRAMA

REPUBLICANISMO E PODER POPULAR

Pomos os valores republicanos no máis alto da acción política colectiva: a transparencia, o asemblearismo, a honestidade contra a corrupción, o laicismo, a participación permanente do pobo en todas as decisións políticas, na planificación e na elaboración orzamentaria. Impulsaremos a democracia participativa, republicana, radical e de esquerdas que sexa semente do futuro PODER POPULAR.

DESCENTRALIZACIÓN DO CONCELLO, REDONDELA TAMÉN SON AS SÚAS PARROQUIAS

Defendemos a descentralización da xestión xa que asistimos a unha repartición de partidas das inversións excesivamente centralizada. É por iso que o noso grupo apostará pola racionalización das inversións tendo en conta as necesidades das parroquias, que polo de agora ven como os seus impostos van sempre cara ao centro da vila e logo teñen que esmolar para cubriren as necesidades máis básicas.

Deberase iniciar un proceso de descentralización política e administrativa do centro de Redondela cara todas as súas catorce parroquias : Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chapela, Negros, Quintela, Reboreda, Redondela, Saxamonde, Trasmañó, Ventosela, Vilar de Infesta, Vilavella e O Viso. Cómpre constituír Consellos Parroquiais en todas as parroquias e estes deberán ter unha representación e un funcionamento democrático e asembleario de xeito que se poida escoitar directamente a voz do pobo, sen intermediarios.

Dependente dos Consello Parroquiais existirá unha estrutura administrativa básica que lles permita aos cidadáns faceren as súas xestións na súa propia parroquia, con atención fundamental aos servizos públicos básicos.

Neste senso, tamén apostamos por lle achegar a atención aos veciños, facendo fincapé na simplificación das xestións e creando oficinas de atención ao público (non marcadas partidariamente nin focadas á venda de favores) sobre todo nas parroquias máis afastadas xeograficamente como é o caso de Chapela, Vilar, Trasmañó etc. Este servizo terá que actuar como ponte entre o cidadán e o Concello, atendendo a todas as reivindicacións e a todas as xestións que lle correspondan ao Concello.

AS TRABALLADORAS E OS TRABALLADORES AO CONCELLO

Levaremos os intereses das traballadoras e dos traballadores ao Concello. Defenderemos a creación de emprego estábel indefinido, con dereitos e salarios dignos, a redución da xornada laboral a 35h semanais como medida de reparto e creación de novos empregos, eliminando as contratas e subcontratas que precarizan o emprego e dividen as traballadoras e traballadores en castes. Avogaremos pola municipalización de todos os servizos públicos privatizados porque a xestión pública é de mellor calidade e máis eficaz no servizo directo ao pobo. Fiscalizaremos a todas estas empresas que se están a lucrar dando un servizo pésimo. Fiscalizaremos tamén todo tipo de pelotazos e de concesións fraudulentas destes servizos privatizados e tamén en canto a urbanismo, ou calquera outra trampa do mal chamado progreso.

Propoñemos a creación dunha rede municipal de Escolas Infantís que dean solución ás demandas das traballadoras e traballadores que precisan deste servizo para poder desenvolverse na súa vida laboral.

Esixiremos a construción de vivendas sociais de promoción pública para a venda ou o aluguer dirixidas á xente nova e a persoas sen recursos económicos.

Apostamos pola creación de Centros de Día de Carácter Público e non privatizados.

É preciso, así mesmo, un plan de emprego para o pobo de Redondela que discrimine en positivo os sectores máis desfavorecidos, que fiscalice as contratacións e subcontratacións, de xeito que as obras municipais, e tamén as supramunicipais, teñan a obriga de contratar os parados inscritos nas oficinas de emprego locais.


Apostaremos tamén por apoiar sectores autóctonos como a pesca e o marisqueo, a agricultura ecolóxica, o uso e aproveitamento dos montes (coa creación dunha concellaría exclusiva de montes e agricultura), polo comercio local para pólo en valor partindo dunha distinción que compita en valor engadido, proximidade, calidade e bo servizo. Para isto, esixiremos un servizo de Grumir permanente e público, así como a subrogación dos actuais traballadores do servizo de Grumir de Redondela.

PLAN XERAL DE ORDENACIÓN URBANA DEMOCRÁTICO

Defendemos un urbanismo sustentábel e un Plan Xeral de Ordenación  Urbana Municipal elaborado democraticamente coa participación de todo o pobo de Redondela, das súas organizacións sociais e veciñais, sindicatos e demais entidades interesadas. Unha das maiores carencias do noso Concello, como acontece en moitos outro de Galiza, é a de non contar cun Plan Xeral de Urbanismo que deseñe, planifique e programe o crecemento e o desenvolvemento sustentábel do municipio.

Este Plan Xeral debe ordenar racionalmente o noso municipio e concretar as infraestruturas e equipamentos básicos que nos son necesarios. Actuaría, ademais, como blindaxe fronte a proxectos de infraestruturas que non son necesarios para o pobo de Redondela e que se pretenden impor para satisfacer os intereses económicos e especulativos do capitalismo monopolista do Estado.

POR UNHA REDONELA VERDE E SUSTENTÁBEL

Defendemos un desenvolvemento sustentábel que entende o coidado do territorio como un elemento sen o cal a calidade de vida do pobo sería impensábel. É preciso frearmos de vez o desenvolvemento irracional baseado no cemento, que nos escraviza e que hipoteca o noso futuro: non á chantaxe da pretendida creación de emprego, pan para hoxe e fame para mañá. O pobo redondelán non pode ser suxeito pasivo da encrucillada de camiños na que se converteu a nosa vila, non podemos consentir que mentres o capital transnacional constrúe infraestruturas ao seu servizo, o noso pobo non dispón dun transporte público colectivo que dea solución á nosa incomunicación real. Debemos, pois, esixir un tren de proximidade que vertebre toda a área metropolitana, desde Soutomaior a Bueu, desde Tui ás Neves, desde Vigo a Baiona.

Coidar e defender os montes de Redondela e pensar o noso futuro en clave de saúde e benestar real. Loitar contra a nova Lei de Augas de Galiza que fai deste recurso natural un negocio e defender o uso racional dos nosos acuíferos e fontes e demais elementos de regadío tradicionais que os proxectos baseados no cemento poñen en risco.

Regulamento e proteccións reais da Rede Natura Enseada de San Simón.

Traslado a polígonos industriais das industrias chantadas no litoral.

Saneamento integral de toda a Ría de Vigo, así como reparación real das depuradoras.

Descontaminación eficaz dos fondos mariños afectados por metais pesados.

Paralización de todos os recheos na nosa Ría.

Inclusión no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), de representación das confrarías de pesca e marisqueo.

Cesión aos concellos correspondentes dos espazos ocupados pola APV no litoral da Enseada de San Simón afectada pola Rede Natura.

É de vitl importancia que o Concello de Redondela, co apoio de todo o pobo, se opoña aos proxectos estatais e da comunidade autónoma de infraestruturas baseadas no transporte por estradas, que fomentan o transporte particular e o incremento do parque automobilístico. O AVE non nos comunica senón que nos illa inda máis, e habémolo ter que ir coller a Vigo; provoca a contaminación dos nosos ríos e trastornos de todo tipo na súa construción. Queremos un tren de proximidade.

Non á variante A-57.

Non á Autovía A-59.

Non á ampliación de Rande. Elimiación da Peaxe da Autoestrada a Redondela.

O que realmente precisa o pobo traballador é un transporte público colectivo, metropolitano, de proximidade, así como un transporte de ría.

Non queremos a senda verde pola vía do tren. Defenderemos os actuais trazados xa que son garantía da nosa comunicación por tren co norte e co sur da provincia.

O conflito dos camións en Chapela precisa unha solución. Propomos a realización dunha estrada que dea servizo entre a nova rotonda de Rande e o polígono de empresas que temos na costa de Chapela. Para isto faremos forza para que Vigo, ou a próxima Área Metropolitana, sufrague esta estrada de ben común porque só así permitiremos que os vehículos pesados que van cara a Teis o fagan pola nosa zona tendo prohibido ir por Vigo. Tamén apostaremos por trasladar as empresas que non precisan do mar e que molestan gravemente, coma o caso de UCOSA.

Esiximos a creación no Concello de Redondela dun Punto Limpo que permita  a reciclaxe de todos aqueles refugallos que os veciños deitan en colectores do lixo convencionais ou que desgraciadamente moitas veces deixan  esparexidos por calquera lado.

Esixiremos que se fomenten e racionalicen as entradas peonís á vila, xa que entendemos que se prioriza entrar en Redondela única e exclusivamente en automóbil. Non existe ningunha entrada peonil racional desde ningún sitio.

Política enerxética: aínda temos en Redondela moitos puntos de luz de apagado e acendido manual. Propómonos eliminar esta práctica terceiromundista e apostar por racionalizar e por utilizar lámpadas de baixo consumo, así como potenciar enerxías alternativas, máis limpas e respectuosas co medio natural. Así, tamén é preciso retirar os puntos de luz fóra dos camiños como medida de seguridade imprescindíbel.

A Corporación Municipal deberalle esixir ás empresas enerxéticas, distribuidoras e comercializadoras que prestan servizo no noso Concello, que abran oficinas locais en Redondela para a atención do pobo e nas que se poidan facer os corespondentes pagos.

O Concello deberá tomar as medidas necesarias para facer accesíbeis a todo tipo de persoas os servizos públicos e a propia circulación de persoas polas rúas, estradas e camiños. Este é un dereito que teñen as persoas con ou sen dispacacidades ou as que simplemente atopan continuamente barreiras físicas, xa que se favorecen fundamentalmente, como xa dixemos, os accesos en vehículos privados.

IGUALDADE REAL ENTRE MULLERES E HOMES.

Defendemos a igualdade real entre mulleres e homes en todos os aspectos da vida política, social, laboral, económica e cultural. Este é un obxectivo que o Concello ten que situar como prioritario, xa que é este un dos eidos nos que malia a toda a lexislación desenvolvida aínda resta moito para acadar a súa realización e os avances veñen sendo moi cativos. Por iso reclamamos que se lle dea o maior impulso á loita feminista concretando isto de partida coa creación dunha Concellaría de Igualdade.

A FPG rexeita a Lei de Familia polo seu carácter retrógrado, que devolve a muller ao seu rol tradicional de nai coidadora. Rexeitamos a Lei de Apoio á Familia e á Convivencia de Galiza que vén de aprobar a Xunta do PP polo seu carácter retrógrado e a profunda carga ideolóxica que soporta. Nela, a maternidade enténdese como rol principal das mulleres, o que supón o control da súa vida sexual e a pretensión de reforzar o concepto de familia patriarcal. Así mesmo, introduce dereitos para os non natos, impedindo que as mulleres poidan decidir libremente se queren ou non ser nais. Persegue confinalas ao ámbito doméstico co pretexto da baixa natalidade e, deste xeito, ao retiralas do mercado laboral, mellorar a taxa de desemprego global.

MEMORIA E ANTIFASCISMO

Redondela ten un enorme patrimonio histórico de mulleres e homes que loitaron con afouteza pola república, pola liberdade, por Galiza e pola construción dunha sociedade socialista. Todos somos debedores do seu papel histórico e o seu martirio no ano 1936 e posteriores. Por iso, deben ser lembrados e homenaxeados como merecen. Para construírmos un futuro de liberdade e xustiza social debemos lembrar o exemplo de quen nos precederon, recoller a súa bandeira e levala con fachenda para que lles sirva de exemplo a quen veñan detrás. Non debemos abandonar a vixilancia sobre elementos fascistas e de extrema dereita que continúan a provocar e a insultar os nosos mártires, deberá haber un seguimento por parte do Concello destes elementos criminosos.

Traballaremos polo recoñecemento permanente das vítimas do campo de concentración de San Simón e pola creación nel dun museo da memoria no que se lembren as persoas vítimas do feixismo e os crimes que se cometeron neste centro de exterminio, así como polo recoñecemento público dos asasinados na Concheira e a realización do proxecto de homenaxe e escultura da Asociación Redondelá da Memoria Histórica.

CULTURA NACIONAL E POPULAR

Entendemos a cultura como un ben de primeira necesidade para o pobo. Impulsaremos unha acción cultural creativa. Deberase facer un proxecto real e permanente de acción cultural para o Concello de Redondela, cunha estrutura municipal estábel e non subcontratada, cunha programación renovada e actual que lle dea satisfacción ás necesidades culturais de todos os redondeláns cunha distribución que se estenda por todas as parroquias.

Especial atención haberalla que dedicar ao espazo de creación cultural, concretado na creación de infraestruturas culturais como un centro teatral permanente con apoio á creación de grupos de teatro propios, un centro de apoio aos novos grupos musicais emerxentes. Os eidos nos que traballar son moitos: apoio á creación literaria e a todo tipo de artes, pintura, escultura, artesanía, xogos populares, construcción e reparación de embarcacións tradicionais, etnografía etc., así como apoiar as iniciativas populares e os equipos e asociacións xa constituídas e por constituír. Entendemos que temos que fomentar a cultura propia do noso pobo fornecendo o tecido asociativo de infraestruturas e medios para a creación e a difusión. A gratuidade debe ser un obxectivo á hora de desenvolver actividades de carácter cultural. Tamén no deporte non se pode entender o elitismo, débese fomentar a participación gratuíta, cando menos para os sectores con menos poder adquisitivo.

Un plan municipal de normalización lingüística que potencie o uso normal do idioma galego e que este sexa utilizado polos traballadores municipais á hora de relacionarse cos cidadáns que reclaman os seus servizos. Entendemos, así mesmo, que o noso idioma é unha ferramenta privilexiada para fomentar a integración da comunidade inmigrante na nosa sociedade, polo que se procurará ofrecer aulas de formación en materia lingüística especialmente dirixidas a este colectivo.

Creación dunha verdadeira rede de bibliotecas e axencias de lectura que lle ofrezan este servizo a todas as parroquias do Concello, así como dotar o Concello dun Bibliobús que solucione parcialmente estas carencias bibliotecarias de xeito provisorio.

Mellora e creación de infraestruturas deportivas do municipio para que teñan a dignidade necesaria para que todo o pobo se poida educar, gozar e coidar da súa saúde en instalacións axeitadas para a práctica de calquera deporte. Apoio ao deporte base.

Creación de máis parques infantís e zonas de esparexemento para novos e vellos en todas e cada unha das parroquias.

ASOCIACIONISMO E AUTOORGANIZACIÓN DO POBO

Potenciaremos o asociacionismo popular e en especial o da mocidade. Deberase crear un centro de apoio ao asociacionismo de base e para as organizacións da mocidade para que se poidan dotar de locais e infraestruturas suficientes nas que desenvolveren as súas actividades con continuidade e estabilidade.

AUTODETERMINACIÓN NACIONAL DO POBO GALEGO

Por unha Redondela comprometida cunha Galiza Ceibe: defendemos e defenderemos o dereito de Autodeterminación do pobo galego. Somos un concello que sempre se comprometeu coa identidade nacional galega e co noso idioma, por iso este pobo e a súa corporación deben ser protagonistas do noso despertar para que lle sexan recoñecidos os dereitos políticos nacionais ao pobo galego.

O POBO É QUEN MÁIS ORDENA

Comprometémonos a non pactar con ningún futuro goberno o reparto do poder, salarios, prebendas ou calquera outro asunto ou privilexio á marxe dos intereses populares manifestados en asemblea.

Somos unha candidatura asemblearia e comprometémonos a debater co pobo en asembleas todos os temas que foren tratados na Corporación e todos aqueles outros de interese para o pobo de Redondela. Todas as decisións tomaranse democraticamente dentro da candidatura e será no debate e no intercambio permanente de impresións e opinións onde estas se lexitimen.

A Asemblea popular convocada pola Candidatura da F.P.G.  de Redondela.

En Redondela, a 17 de Abril de 2011

Aprobada por unanimidade.

Publicado en Novas, Programa para as eleccións municipais 2011 | Comentarios desactivados en Programa electoral FPG-Redondela municipais 2011

Presentación da candidatura veciñal da FPG de Redondela

O vindeiro martes, 12 de Abril ás 18:00 h Presentaremos a candidatura ao público e aos medios de comunicación na Casa da Cultura de Redondela.

Non faltedes!

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Presentación da candidatura veciñal da FPG de Redondela

Urbanismo e especulación


O pasado 24 de febreiro na Casa da Cultura, a Frente Popular Galega de Redondela organizou unha charla coloquio baixo o título “ Especulación e urbanismo: Massó, semente do poder veciñal”. Participaron Alberto Covelo, Secretario Comarcal de Acción Sindical pola Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) e membro da candidatura que a F.P.G. presenta no noso concello; Mariano Abalo, concelleiro pola Alternativa Canguesa de Esquerdas (A.C.E.) no Concello de Cangas , e Antón Fernández Cordeiro, membro do Foro Social de Cangas (F.S.C.). Despois dun relato rigoroso, introducido por un breve apuntamento biográfico e político dos conferenciantes, quen viviron en primeira persoa, como responsable da Concellaría de Urbanismo, o primeiro, e, como destacado integrante do F.S.C , que está integrado na organización A Ría Non Se Vende, o segundo, os sucesos que, na antiga conserveira ubicada no Salgueirón, aconteceron na vila do Morrazo entre o 2005 e 2011; Alberto Covelo deu paso e moderou un intenso debate no que se profundizou na situación de Cangas, e no que os asistentes rapidamente viron reflectida a vila de Redondela, que está seriamente ameazada pola máis que posible, pero evitable, expropiación de terreos e construción dos tramos das autovías A-57 e A-59, e a ampliación da ponte de Rande, feito que supón unha innecesaria fragmentación e illamento das parroquias afectadas e un devastador impacto ecolóxico, co que está a acontecer da outra banda do mar,. Chegouse á conclusión, finalmente, de que diante do absoluto distanciamento das demandas dos veciños por parte dos catro partidos políticos con representación no Concello de Redondela, e do seu escurantismo, que pexa que a información de que dispoñen circule libremente entre as mulleres e homes de Redondela, é necesaria, así o constataba o exemplo de A.C.E. en Cangas, a presenza dentro da Casa do Concello dun partido político que defenda os intereses dos máis e que deixe entrar a voz dos colectivos sociais, únicos valedores e dinamizadores dos intereses da poboación de Redondela.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Urbanismo e especulación

Toma de contacto

O pasado día 29 estivemos na Discotasca de Redondela participando no concerto recital ” MEMORIA E REPÚBLICA, CENTRO DE TODOS OS MUNDOS POSIBLES”. Despois dunha breve presentación na que se aludiu á república como unha cultura e praxe política imprescindible para os nosos días e á necesidade dun cambio e dunha alternativa para as traballadoras e os traballadores de Redondela nas vindeiras eleccións de maio, pasamos a escoitar algúns dos poemas dos poetas das Redes Escarlata, que nos ofreceron un intenso e fermoso recital no que se conxugou a ruptura do riso coa tensión da poesía social, alternándose sobre o escenario co apoteósico, que se move entre as esencias do nacional popular e o punk máis clásico, O Leo i Arremecághona.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Toma de contacto