SUPRESIÓN DA PEAXE DE RANDE.

Dende a Fpg Redondela, sendo consecuentes co noso programa electoral, aledámonos da unanimidade na aprobación da moción de AER de supresión da peaxe de Rande.
Entendemos que o Concello xa se ten posicionado favorablemente a esta vella demanda pero ante a realidade actual na que a o peaxe segue a ser unha carga abusiva para a veciñanza, compartimos o plantexamento do BNG de instar á mobilización.
Dende a FPG Redondela estamos abertos a secundar unha mobilización co resto dos partidos e colectivos xa que cremos que esta demanda xa agotou as vías administrativas e a única solución exitosa chegará co pobo na rúa.
Publicado en Novas | Comentarios desactivados en SUPRESIÓN DA PEAXE DE RANDE.

Homenaxe a Castelao.

Con motivo do cabodano de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, a Frente Popular Galega (FPG) organiza unha homenaxe na Vila de Redondela o vindeiro día 7 de xaneiro ás 17 horas diante da súa estatua conmemorativa, sita na alameda da devandita vila. A homenaxe consistirá na lectura de textos e poemas conmemorativos, rematando o acto con dúas cancións adicadas a Castelao.

Convidamos a todos os veciños e veciñas a participar nesta sentida e merecida homenaxe e agradecemos de antemán a vosa presenza.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Homenaxe a Castelao.

Castelao, o río que reborda nos deltas.

Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente: La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de NINGÚN ACTO POLÍTICO. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista. Se podrá destacar SU PERSONALIDAD POLÍTICA, siempre y cuando se mencione que aquella FUE ERRADA y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística NO SE HARÁ MENCIÓN NINGUNA DE SU ENSAYO ” SEMPRE EN GALIZA” NI DE LOS ÁLBUMES DE DIBUJOS DE LA GUERRA CIVIL. Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente.”  (Dirección Xeral de Prensa do Goberno de España)

 

 

              De que morte morreu a nosa prenda? ( R. Cabanillas)

 

 

O 7 de xaneiro de 1950, uns meses antes da conversión irreversíbel do Partido Galeguista do interior nunha editorial, acontece a morte biolóxica de Castelao. Dende o seu falecemento até hogano son moitos os que se teñen postulado como albaceas do seu legado. Moitos os que teiman unha e outra vez en soterrar (e non só) a súa dimensión simbólica. Fomos e ímolos identificando  a través da parte da súa poliédrica dimensión humana que gaban. Poderemos recoñecelos a través do relato profundamente distorsionado que fan dos seus días. Saberemos deles, sempre,  por mor da apropiación (indebida) que levan a cabo, traendo ao fío destas palabras as verbas do poeta, ao teren como horizonte exclusivamente lexitimar unha orixe, unha usurpación. E neste sentido, mentres algúns salientan a súa calidade artística; outros, mixtifican os relanzos finais da súa existencia para ofrecérennos o perfil caricaturizado dun home derrotado, apráctico, ególatra e atormentado. Así e todo non podía faltar a esta listaxe de infames quen pretende  engaiolalo e ubicalo fóra dos ventos dialécticos da Historia.

Diante dunha  lectura espúrea do seu quefacer, as militantes e militantes da Frente Popular Galega de Redondela, estamos enfrontados a aqueles que priorizan a laboura artística do rianxeiro. Querémonos afastados desa compulsión por enterrar novamente o morto. E situámonos ben lonxe de desexar capitalizar o seu cadáver. Polo que suliñamos que a súa obra non pode ser asumida por todas e todos. Para algúns, de feito, é inasumíbel. Mais sendo así, asemade sabemos que tampouco pode ser legado dunhas poucas e poucos. En defintiva, pensamos que ninguén está lexitimado para inferirlle ao seu pensamento un sentido unívoco e clausurado. Canto menos para apropiárense por sempre da totalidade do seu capital simbólico.

E xa que logo, dende a Frente Popular Galega de Redondela queremos facer fincapé no cabodano do seu pasamento en que a súa xeira é un proceso, un río, un produto histórico no que algunha das súas trazas fican, abofé, obsoletas. Pero con todo, tamén queremos salientar que unha grande parte das súas angueiras están vivas. O río sempre reborda nos deltas.

Estámonos a referir á súa faciana republicana, anfi-feixista e unitaria pola que canalizou os relanzos finais do curso da súa vida para aviso dos seus contemporáneos e das vindeiras xeracións. Aquí cabería falarmos polo miúdo da creación da Irmandade Galega, do Consello de Galiza, no que implícitamente se analizaba a insuficiencia do Partido Galeguista como ferramenta para a acumulación de forzas e cohesión no novo contexto estatal e internacional. Tamén coma non, da denuncia  e da toma de distancias cara á estratexia da sucesión borbónica alentada pola CIA e xestionada pola ANFD, PSOE, certos sectores da CNT, o PNV e o “piñeirismo”, entre outros.  Estes e non outros son os eixos principais que amalloan o seu pensamento ás trabes da praxe política que se alicerza na unidade contra o fascismo do seu tempo baixo o internacionalismo coñecido como Fronte Popular e que se formaliza na alianza das potencias burguesas, aínda non subsumidas polo fascismo planetario, e a URSS.

Xa que logo, despois de subtraermos todo o que no seu pensamento é subtraíbel, e tendo moi en conta estes aspectos : a unidade, o republicanismo e o anti-feixismo ( que no noso tempo só pode ser enunciado como anticapitalismo), pensamos na Fronte Popular Galega de Redondela que cómpre avolver as augas do seu pensamento por moitas veces e pormos en valor esta fasquía da súa polifacética personalidade no LXII cabodano da súa morte.

 

 

DENANTES MORTAS QUE ESCRAVAS.

 

 

 

En Redondela, a 7 de xaneiro de 2.012.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Castelao, o río que reborda nos deltas.

Derrubar o seu sistema, construír o noso futuro

Escrito por FPG on dic 16th, 2011 //

A Frente Popular Galega apoiará mañá sábado 17 a mobilización que a organización de mocidade comunista ADIANTE convoca en Compostela a partir das 18 da tarde.

Co lema “Derrubar o seu sistema, construír o noso futuro”, ADIANTE chama ás mozas e mozos galegos a “procurar o xeito de empezarmos dende agora a construír con ilusión, con paciencia e sobre todo, con insistencia, o noso propio futuro”. Ante o panorama de recorte de dereitos e empobrecemento das clases traballadoras, este colectivo de mocidade procura dar continuidade á visibilización do malestar e indignación:  “debemos ocupar e utilizar todos os espazos públicos como punto de encontro no que comezarmos a poñer en común as fórmulas de construír ese novo sistema que queremos: onde os traballadores e traballadoras decidan o seu propio destino, onde a maioría social sexa radical e realmente libre, onde se disolvan á fin as marcas seculares do patriarcado e da dominación sobre as mulleres”.

Como non podía ser doutro xeito, apoiaremos esta convocatoria agardando que o éxito da mesma favoreza a participación da mocidade no proceso de acumulación de forzas e resistencia frente á ofensiva neoliberal e do grande capital.

Máis información no enderezo web de ADIANTE.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Derrubar o seu sistema, construír o noso futuro

Nin unha morte máis coa complicidade do sistema

Onte voltamos saír á rúa porque, onte, un machista volveu exercer a súa violencia. Onte os movementos feministas mobilizáronse polo asasinato dunha compañeira .

Onte aquela parte do tecido social, sindical e político que é servo do capitalismo, volveu ser cómplice, porque este sistema que defende perpetúa e xustifica a violencia, xera a exclusión das mulleres e fomenta a dominación do patriarcado.

Ningún asasinato pode quedar sen resposta, todos e todas temos que saír e mostrar a nosa repulsa, a nosa indignación e preocupación por este sistema que permite que medren e se amparen nel persoas racistas, machistas e lesbofóbicas/homofóbicas.

As autoridades políticas non dan resposta nin intentan mudar o sistema para que remate o terrorismo machista, os gobernantes simplemente repiten diante dos medios o seu discurso ensaiado. Non muda nada ao día seguinte.

Dende a FPG temos tarefas urxentes, a de seguir apoiando os movementos  de clase e a de loitar pola sensibilización de todos os estratos da sociedade.

Só dende aí e ao unísono a realidade do sometemento patriarcal pode mudar.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Nin unha morte máis coa complicidade do sistema

DEREITO AO NOSO.

Redondela coas nosas 14 parroquias,  somos  un concello  de homes e mulleres que camiñamos co esforzo do noso traballo.  É por iso polo que somos conscientes das dificultades que temos  para  saír adiante.

Temos multitude de problemas , sabémolo ben. Estamos faltos dunha chea de servizos e  bens públicos nas nosas parroquias: centros para maiores,garderías, locais sociais, vivenda, plans de emprego,alumeado,beirarrúas,saneamento… etc. Mais todo isto, incomprensibelmente, non se solucionará dende ningún goberno das  administracións  ( Concello, Xunta e Goberno Central), porque prefiren  investir o diñeiro público en obras faraónicas(AVE, ampliación da AP9 e da ponte de Rande…)coas que xustificar o seu posto de traballo na “política profesional “. Dese xeito a política  non está ao servizo do pobo. Unicamente é servil e obediente ás clases con posibles.

Así e todo, o certo é que dende a Frente Popular Galega sabemos que temos multitude de cousas nosas que non poderán eliminar ou sustituír. Nin tan sequera  vender,porque entre todas e todos as mantemos vivas. Ese é o noso compromiso.

Temos a nosa lingua coas nosas cantigas de taberna,coas nosas panxoliñas ,cos nosos poemas,coas nosas  lendas,cos nosos contos….

Temos a nosa cultura nos nosos maiores, nas nosas festas , nas nosas tradicións,no noso patrimonio…

Temos a nosa gastronomía nas nosas casas,nos nosos bares,restaurantes,taperías…

Temos o noso comercio  nas tendas do barrio,nas prazas , nos mercados…

Temos os nosos produtos na nosa carne ,marisco e peixe,viño do país, licor  e augardente…

Temos dereito ao noso . Temos que loitar polo noso  e vivir por e para o noso.

 Xa que O NOSO está a ser atacado dende as grandes multinacionais até os xestores policiais dos seus intereses quen valoran e subvencionan  o foráneo esquecendo o autóctono.

Por mor de todo isto, dende a Frente Popular Galega de Redondela  comprometémonos con seguir apoiando o NOSO no día a día. En non cambiar O NOSO polo SEU.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en DEREITO AO NOSO.

Voluntariado non é man de obra gratuita.

Estes días, promóvese un programa dende a Concellaría de Servizos Sociais do Concello de Redondela que consiste na creación dun obradoiro de Nadal. O obxectivo do obradoiro é conciliar a vida laboral nestas datas a través da posta en marcha de ludotecas. Para este proxecto a concellaría precisa  voluntarios e voluntarias especializadas. Grazas a unha compañeira soubemos da realidade deste plan. Segundo nos informou, e despois contrastamos co concello, o voluntariado está a ser captado polas responsables da concellaría a través de centros educativos da comarca, coa finalidade de ser coordinado por unha empresa privada. Esta empresa percibirá unha compensación económica pola súa laboura de dirección das actividades.

Para nós o ideal sería que os empregados e as empregadas públicas non exercesen de intermediarios para que as estudantes e os estudantes traballen de balde para entidades que só perseguen un fin lucrativo.

Para nós o ideal sería que non se solapasen baixo o voluntariado as grandes eivas das nosas parroquias no que atinxe as garderías e ludotecas públicas.

Para nós o ideal sería que os cartos  públicos se investisen en paliarmos o paro dos nosos veciños e veciñas a través do INEM, no canto de beneficiar as empresas privadas.

Para nós o ideal sería que, xa que o Concello de Redondela facilita o persoal e os locais,o programa fose dirixido e desenvolto polos profesionais que prestan os seus servizos na concellaría e no INEM.

Para nós o ideal sería que a Concellaría de Servizos Sociais argallase un programa de conciliación familiar, apostando pola creación de emprego na nosa localidade.

Polo que dende a FPG apoiamos as iniciativas que promovan a mellora e o benestar social das nosas parroquias, pero non podemos compartir os programas supeditados a empresas privadas que utilicen o voluntariado coma man de obra barata.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Voluntariado non é man de obra gratuita.

POSICIONAMENTO SOBRE O LEVANTAMENTO DAS VÍAS EN CHAPELA.”

As asociacións, colectivos, organizacións e partidos políticos reunidos en asemblea queren dar o seu posicionamento a prol da participación cidadá e en contra das decisións políticas tomadas polo Ministerio de Fomento. Neste caso queremos manifestarnos sobre o proxecto de levantar as vías en Chapela para a futura construción dun paseo denominado “Senda Verde”.

 

En primeiro lugar, cómpre dicir que se ben é certo que este posible levantamento das vías lle afecta directamente aos veciños e veciñas de Chapela, non é menos certo que o plan de mobilidade e de transporte público metropolitano lle afecta non só ás parroquias do noso concello, senón que tamén ás outras anexas como, poñamos por caso, á de Teis.

 

Estamos firmemente convencidos e convencidas de que a solución ao colapso do tráfico pasa porque apostemos, definitivamente, por un transporte público de proximidade, que sendo económicamente viábel, de calidade e sostíbel, dea o servizo nun futuro próximo e arelado.

 

É por iso que nos posicionamos a favor dunha Estación Intermodal en Urzáiz. Sirvan de exemplos de todo isto as comarcas en todo o Estado que sen seren máis grandes nin importantes cá nosa, están dotadas de estacións intermodais. Polo tanto, somos conscientes de que a verdadeira aposta de futuro pasa porque nesta estación conflúan o AVE, o Tren de Proximidade (que arestora non existe) e as Liñas de Autobuses, co obxectivo de comunicarnos con toda a contorna, tanto coa cidade de Vigo como coa súa comarca.

 

Non entenderíamos que se tomasen decisións dende un punto de vista “tan”localista, que polo beneficios duns poucos veciños da zona  prexudicase  o resto da poboación, sen ter en conta o posicionamento da maioría dos afectados e afectadas. E referímonos con isto tanto ao Consello Parroquial de Chapela (Decisión tomada polo voto de calidade do representante do alcalde, co apoio dos Partidos Políticos e  ca oposición da maioría dos colectivos veciñais e Asociación de Electores) , como tamén ao Concello de Vigo, Redondela e outros.”

 Asemade, sabemos que, grazas única e exclusivamente á mobilización de moitos colectivos, liderados pola Plataforma Salva o Tren, quen se posicionou moi acertadamente contra o levantamento das vías, no entanto non se deseñase e se puxese en marcha un plan de mobilidade ferroviaria, e grazas, como non podía ser doutro xeito, a termos a razón e a coherencia da nosa banda, temos hoxe enriba da mesa modificacións sustanciais nun proxecto que deixaba Galiza sen a posibilidade de se dotar para o futuro dun servizo de transporte público e de calidade.

Por iso, aínda que non esteamos per se en contra da construción de ningún paseo ou senda verde e aínda que non esteamos en contra de que o tren vaia polas vías de abaixo (todo o contrario), posicionámonos irrevogabelmente contra o levantamento das vías até que non se propoña e poña en marcha un plano alternativo, que irrenunciabelmente debe apostar polo futuro, arredándose, o máis lonxe posíbel, das trangalladas e dos intereses localistas.

   Grupo de asociacións e colectivos asinantes:

A.V.CEDEIRA.

ESQUERDA UNIDA.

ASOCIACIÓN AFECTADOS AUTOPISTA CHAPELA.

A.V.ALVEDOSA DE REBOREDA.

A.V.CESANTES.

LOAIRA ASOC.PARA O CONSUMO RESPONSABEL.

A.V.SARAMAGOSO O VISO.

PLATAFORMA NA DEFENSA DA ENSEADA DE SAN SIMÓN.

A.V.FONTE DO ALLO.

SOCIEDADE LABREGO CULTURAL DE REBOREDA.

PLATAFORMA CIDADÁ DE REDONDELA.

A.V.VENTOSELA.

FEDERACIÓN AA VV REDONDELA.

AER.

ALÉN NÓS.

A.A.V.E.D.A.  ASOC. DE  AFECTADOS  DO AVE E DEFENSA MEDIOAMBIENTAL VAL DO MACEIRAS.

CHAN DAS PIPAS SAXAMONDE.

AAVV EIDOS DE QUINTELA.

AV SANTA MARÍA O VISO.

CUT.

COLECTIVO REPUBLICANO REDONDELA.

ACD DE RANDE.

A.V.CHAPELA.

COMUNIDADE DE MONTES CHAPELA.

A.V. ESCREDO

.ASOCIACIÓN FOLCLÓRICA ANAQUIÑOS DE CHAPELA.

A.V.O EIXO  DE SOTOXUSTE

SALVA O TREN.

FPG.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en POSICIONAMENTO SOBRE O LEVANTAMENTO DAS VÍAS EN CHAPELA.”

25 de Novembro, día internacional contra a violencia machista

Escrito por FPG on nov 24th, 2011 //

O 25 de Novembro de 1960 na República Dominicana rexistrouse o asasinato das activistas políticas as irmás Mirabal  a mans do  ditador Trujillo.  En 1981, celebrouse en Bogotá o  Primeiro  Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, onde se decidiu  marcar esta data como o Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres, lembrando o asasinato das irmás Mirabal.

En 2012, o modelo do capitalismo e a súa maquinaria continúan perpetuando a violencia contra as mulleres. Aínda que maquillen as súas institucións cos enganos sobre o desenvolvemento de políticas públicas e campañas a favor dereitos das mulleres, a realidade é que nos agriden con leis e recortes  orzamentarios que fan que aumente a opresión,  claro exemplo é a Lei de Familia aprobada polo goberniño de Feijoo. Esta norma promove unicamente  o papel das mulleres como parte da familia tradicional e agrava máis a desigualdade xa existente ao relegarnos ao ámbito doméstico e á función reprodutora, obviando por completo o terrorismo machista que asasina ano tras ano decenas de mulleres no país. Recentemente acabamos de ver como a meirande parte do orzamento que debería estar dedicado ao financiamento de accións que pulen pola igualdade entre mulleres e homes foi desviado cara a organizacións antiabortistas e relixiosas que atentan contra o noso dereito de decidir sobre o noso corpo. Mentres Galiza siga sometida aos partidos que representan a faciana máis feroz do capitalismo, sosteranse  institucións que xeren , lexitimen e reproduzan a violencia contra a clase traballadora, da cal xa as mulleres somos historicamente as máis explotadas.

As formas de violencia contra as mulleres son moitas: as mortes diarias a mans das súas parellas, o menosprezo das nosas opinións, as malleiras sufridas en silencio, a imposición dun canon de beleza irreal, os insultos por sermos sexualmente libres… E contra todas elas temos que loitar; temos que deconstruír o sistema dende a base, eliminar calquera forma de opresión rebelándonos no cotián.

Dende a FPG cremos que nestes tempos de crise sendo triplemente explotadas,  as mulleres temos  que estar á cabeza  das loitas que se aveciñan superando as diverxencias que nos manteñen en compartimentos estancos, promovendo e apoiando movementos autónomos que  loiten por un troco radical do sistema que nos ignora. A FPG aposta por  unha política nacional e municipal activa, integral e coordinada co tecido social, sindical e político, comprometida a favor da igualdade e contra a violencia de xénero en todos os ámbitos. Debemos impulsar un debate social, profundo, que cuestione todas as estruturas que reproducen e manteñen a opresión das mulleres. É un traballo de educación social intenso e continuado para que o 25 de novembro deixe de ser unha data de necesaria reivindicación.

Non máis agresións sen respostas!!!!

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en 25 de Novembro, día internacional contra a violencia machista

A Fpg Redondela sumarase a manifestación da Marcha Mundial das Mulleres para o venres 25 de Novembro que sairá ás 20:00hs. dende a Farola de Urzáiz.

25 de novembro de 2011 en Vigo PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Administradora da MMM.
25nvigo.jpg

Actividades:

Xoves 24 e venres 25 de novembro “Museo interactivo contra a violencia machista”. Diante do Marco.

Venres 25 de novembro, às 20:00 h. Manifestación desde a Farola de Urzáiz

Museo interactivo contra a violencia de machista:

Este museo-exposición consiste na visualización de diferentes obxectos vinculados coa vida das mulleres. Obxectos que teñen a peculiaridade de desempeñar diferentes significados en relación coa violencia machista, ben por ser considerados elementos xustificativos desta violencia, ou tamén, por seren empregados,polas mulleres, para paliar este drama.

Con esta actividade, tentamos imaxinar un futuro no que a violencia desapareza da sociedade e quede así reflectido nos museos como símbolo dun pasado xa superado.

http://www.feminismo.info/webgalego/index.php

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en A Fpg Redondela sumarase a manifestación da Marcha Mundial das Mulleres para o venres 25 de Novembro que sairá ás 20:00hs. dende a Farola de Urzáiz.