Comezamos unha mobilización sostida

Escrito por FPG on abr 3rd, 2012 //

O pasado 29 de Marzo, as e os activistas da FPG fomos parte do que debe converterse nunha resistencia sostida no tempo e firme en principios. Non albiscamos outro futuro posible para as clases traballadoras galegas diante da ofensiva constante do sistema en crise.

Estivemos nos preparativos previos, distribuíndo o material de propaganda, facendo palestras e asembleas coa veciñanza e nos centros de traballo. Formamos parte dos piquetes combativos que percorreron as nosas vilas e cidades. Berramos ben forte nas históricas manifestacións dos sindicatos de clase.

E volverémelo facer. Agora tócanos afortalar as pontes entre demandas sociais e obreiras, promover a unidade e a desectarización das centrais sindicais combativas, dar continuidade as asembleas de folga existentes e convocar outras novas que sexan referentes para persoas desempregadas, precarias, autónomas, migrantes, etc.

Na Frente entendemos que cómpre aglutinar un polo cos intereses anticapitalistas e convertermos a folga xeral na súa ferramenta básica de loita. Nese camiño traballaremos nos vindeiros meses.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Comezamos unha mobilización sostida

29 DE MARZO FOLGA XERAL

 Dende a FPG Redondela, queremos apoiar a convocatoria á  Folga Xeral, da CUT,  CIG, CGT, e CNT, e nos congratulamos que desta volta fora unha convocatoría unitaria, tamén parécenos ben que os outros sindicatos (CCOO, UGT) finalmente secunden a convocatoria galega.Aínda que podamos ter os nosos matizes.  Magoa que dunha volta mais,segan a non darse as condicións para que non haxa tres convocatorias de manifestacións unitarias.

ESTE SISTEMA NON SERVE!!

En Redondela   van ir á  Folga o pequeno comerzo, autónomos e autónomas de diferentes sectores, traballadores e traballadoras… fartos e fartas de que para ó sistema non conten os nosos problemas para chegar a fin de mes.Persoas xa cansas de que das axudas fiscais e subvencións benefíciense as grandes empresas e superficies.Porque a banca segue a recibir fondos dos diferentes gobernos, mentres que redúcennos a calidade do ensino, da sanidade, dos servizos socias coa escusa de que non hai cartos.Recordamos que este ano os colexios privados aumentaron os orzamentos grazas (unha vez máis)os nosos impostos. Pero que pasa?? A crise pagámola nos ? pois SI, coa subida da luz, da auga, da gasolina…so benefícianse as empresas que explotan os nosos recursos naturais e que dende logo aproveitan a

crise para precarizarnos inda máis , xa que as súas multinacionais non deixan de amasar pornográficas sumas de cartos.

O que nos venden como democracia e unha falacia, ninguén esta tan cego como para non ver que os que gobernan non se presentan as eleccións.

Sentirse estafado, e un sentimento de racionalidade que se está a extender. Os impostos(IRPF,IVE) son irrisorios para as grandes fortunas e auténticas agresións para as e os que temos menos.Os equipos de fútbol teñen unha débeda astronómica.  Subvencións millonarias á Igrexa.Co pago sanitario e xudicial.Eliminación  da promoción de prazas e persoal docente nas Garderías, Colexios e Institutos. Privatización dos Servizos Públicos de Emprego coa entrada das ETTS coma axencias de   colocación. Reforma da lei do Aborto.Eliminación das axudas para o Servizo de  Normalización Lingüística, os medios de comunicación independentes, as asociacións que promoven a Cultura Galega….

Todo isto sen falar da Reforma Laboral, que é a maior recesión  e perdida de dereitos  da clase traballadora desde tempos innumerables. A reforma laboral que parece ser a única razón para facer folga.

Por outra banda a ninguén se lle escapa, que a río revolto ganancia de pescadores, por iso moitas grandes empresas, moitos especuladores, ben na crise unha oportunidade, ben se ve!!

Copiemos diso e mirémola como unha oportunidade, a oportunidade de CAMBIO.  Os tempos serán chegados.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en 29 DE MARZO FOLGA XERAL

UNHA VEZ MÁIS: GRUMIR

Por volta do mes de novembro de 2011,o concello decide promover unha “ xuntanza informativa”  na que chaman á participación de todos os partidos políticos da vila, con ou sen representación , para tratar o Servizo de Emerxencias de 24 horas.  Dende unha posta en escena próxima ao iluminismo demagóxico, o que para os dirixentes do PP en plena campaña electoral se resolvía en días, unha vez que pasaron os comicios, foi virando nun problema irresoluble.

Nesa  primeira xuntanza a FPG de Redondela , quen xa se posicionara no decorrer da campaña electoral municipal de maio de 2011 a prol do servizo e dos traballadores, explica cal é o seu posicionamento: Creación inmediata dun GRUMIR PÚBLICO  E DE CALIDADE  quer baixo a tutela da Xunta de Galicia, quer baixo a tutela da Deputación Provincial, quer baixo a tutela do Concello de Redondela, para dese xeito rematar coa precariedade do servizo e  dos traballadores. Por mor disto, non rexeitamos a proposta do Concelleiro de Interior de pular a través da Xunta de Galicia por un servizo mancomunado, público e de calidade, coa que se pretendía optimizar os recursos.

folga de fame GRUMIR

Xa que o PP non quere darlle a esta xuntanza o rol de comisión executiva, nesa primeiro encontro o alcalde compromete a súa palabra e a do equipo de goberno a traballar nesa dirección, adiantando que cando haxa avances, volverá convocar unha nova xuntanza. E deste xeito a creación do Servizo de Emerxencias de 24 horas quedou en mans do “ goberno amigo”.

Por volta de febreiro de 2012 somos outra vez convocados. Nesta nova xuntanza, tres meses despois, o Concelleiro de Interior non manifesta ningún avance. Pretendendo corresponsabilizar os partidos políticos que asisten a esta nova xuntanza de algo que só compete ao equipo de goberno: a acción de gobernar.  E deste xeito, mentres que o PP de Redondela segue a supeditar os intereses de Redondela ás políticas de invisibilización nas que a Xunta de Galicia inscribe a nosa vila, as veciñas e veciños seguimos sen a cobertura deste servizo e os traballadores continúan desempeñando o seu traballo en condicións precarias.

Polo que dende a FPG de Redondela seguimos a denunciar esta situación.

 

En Redondela a 9 de marzo de 2012.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en UNHA VEZ MÁIS: GRUMIR

Día da Clase Traballadora Galega

Mañán 10 de Marzo de 2012 fai 40 anos dos asasinatos , a mans da policía franquista , dos compañeiros Amador e Daniel cando coma traballadores reclamaban melloras laborais e sociais. Melloras que agora parece que caíron do ceo, como ter vacacións, xornada de 40 horas, convenio colectivo, tanto e así, que o actual goberno facendo seguidismo do anterior, o dictado dos mercados e da patronal, vaise cargar todo dun plumazo, excusándose na crise, que por certo eles non padecen.

Por iso máis que nunca temos que saír á rúa, e lembrar a Daniel e Amador, por iso o 10 de Marzo e o Día da Clase Traballadora Galega, e por iso asemade temos que lembrar que o único camiño que nos queda é a Folga Xeral.

Dende a FPG, como ferramenta da clase traballadora, apoiamos e compartimos as seguintes convocatorias :


CUT convoca unha concentración en Vigo, no nudo de Isaac Peral o día 9 de marzo ás 20 horas
http://www.cutgalicia.org/index.php/novas/prensa/385-10-de-marzo-estamos-en-pe
CIG en Vigo o 10 de Marzo ás 20:00 h, desde a Vía Norte
http://www.galizacig.com/avantar/novas/8-3-2012/a-cig-chama-aos-galegos-e-galegas-a-mobilizarse-o-10-de-marzo-contra-unha-reforma-lab


Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Día da Clase Traballadora Galega

Perante a convocatoria de Folga Xeral o 29 de Marzo

Escrito por FPG on feb 24th, 2012 //

O pasado 10 de Febreiro o Goberno do PP aprobaba por decreto a reforma laboral máis agresiva desde a fin do réxime franquista. Un recorte de dereitos á clase traballadora que, continuando a rota iniciada polo Goberno de Zapatero, supón un salto de grande magnitude cara unha situación de desequilibrio total nas relacións laborais, deixando ás persoas traballadoras en situación de desprotección fronte á vontade do empresariado, xa sexa de efectuar despedimentos baratos como de cambiar competencias e funcións, baixar salarios, alterar horarios ou lugar de traballo.

Nesta comedia do bipartidismo que estamos a presenciar, agora é a quenda para que o PSOE, hoxe na oposición, represente o papel de defensor dos dereitos das clases traballadoras que, ata hai escasamente tres meses, eles mesmos atacaban. No ámbito sindical, tamén asistimos a outra comedia macabra: a dos sindicatos amarelos maioritarios (UGT e CCOO) que teñen verdadeiro pánico a que o mínimo xesto de protesta que as súas bases lles esixen, unha folga xeral pacífica e ritual, se lles poida ir das mans e tornar incontrolable, como en Grecia. As elites vendidas que ocupan os postos directivos nestes sindicatos teñen moi ben asumido o seu rol de intermediario desde os miserables Pactos da Moncloa: venderlle aos traballadores da mellor maneira posible as decisións da patronal. Eles están polo pacto a toda costa, e mesmo cando un goberno como o actual os advirte de que recortarán máis os nosos dereitos negocien o que negocien coa patronal, eles seguen ben sentadiños á mesa, sorrindo á beira da actual ministra de (anti)traballo. Durante canto máis tempo vai seguir tolerando a clase traballadora galega todas estas humillacións?

Desde a FPG pensamos que é precisa unha confluencia ampla das loitas sindicais, estudantís, sociais, feministas que abranga desde as asembleas de fábrica até movementos novos e heterodoxos como o 15-M para subir un grao máis o nivel da loita e artellar un movemento popular que pase da fase de protesta á de loita polo poder. De non ser así, serán os oportunistas pequeno-burgueses e socialdemócratas os que leven o actual proceso prerrevolucinario cara ás augas mansas da política da representación e da comedia parlamentaria. Estamos seguros, en definitiva, de que o lugar onde a clase traballadora galega vai recuperar os dereitos roubados é na rúa, non nas urnas, e por iso apoiamos totalmente a convocatoria dunha Folga Xeral Nacional do 29 de marzo.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Perante a convocatoria de Folga Xeral o 29 de Marzo

Rosalía de Castro , a voz da radicalidade.

Ningunha outra personalidade de Galicia foi e é tan asumida como súa polo pobo galego. Rosalía de Castro resulta, co seu capital simbólico acumulado, xeración tras xeración, un referente nacional, tanto dentro coma lonxe de Galicia. Ningunha outra figura literaria ou cultural ou política ou o que for xerou tantas páxinas, tantas imaxes, tanta música ou tanta arte en xeral coma Rosalía de Castro. Iso si, os atributos e o debuxo dos seus perfís foron variando ó longo da historia, como variaron e evoluíron as revisións estéticas e políticas do proxecto que ela mesma encabezou. A súa radicalidade, así literaria como social e política, nunca foi ben asimilada polo seu entorno. Rosalía era a tola, a estrafalaria, a irreverente, a non católica (a católica en tódolos sentidos era Emilia Pardo Bazán). E era desde logo tamén a pobre, a non propietaria e foi, como todo o Rexurdimento galego, duramente acosada polos poderes fácticos. Así nola retrata Curros Enríquez, un fillo leal, no seu “Do mar pola orela”: comesta dos lobos, tola, rebelde, soa. O rexionalismo primeiro e logo o nacionalismo, social e politicamente febles e, en certos aspectos, tamén conservadores, elevaron ós precarios altares da institucionalización unha Rosalía santa e nai e rula, como nola presenta Cabanillas. E así funcionou ou se quixo que funcionase, como nai, mater protectora, como santiña dos altares do pobo; perfís doces, formas consabidas e redondas. Probabelmente fosen estes roles, o de nai e o de santa, os que máis prexudicaron a súa figura, tanto na súa dimensión literaria como na política, ó desactivaren todo o potencial transgresor e revolucionario da súa obra. E probabelmente fosen tamén estes roles os que máis perviviron no imaxinario conservador. Quizais tamén porque toda canonización literaria ten o perigo de converterse en santificación. E velaí o paradoxo de ser considerada nai e santa unha escritora cuxa vida e cuxa obra foron continuos posicionamentos que sempre desmentiron semellantes lousas ideolóxicas, unha escritora aberta e declaradamente feminista, contraria de raíz a eses papeis impostos polo patriarcado, que condenaban a muller á submisión, como en tantos e tantos textos demostrou, encarándose cos usos e costumes, coa tradición, coa relixión, coa política vixente, co cancioneiro popular galego alí onde este era reaccionario…

A Luís Pimentel (“ela chorou por todos e pra sempre”) tocoulle esgazar estas visións idealistas precedentes e aquelas tamén contemporáneas, como a do culturalismo de Ramón Piñeiro, que nos anos cincuenta foxe da Rosalía popular para darlle unha dimensión universal asociada ó esencialismo nacional-filosófico da saudade. Mais axiña esta visión de Rosalía comeza a ser contestada e nos anos sesenta e setenta vaise fraguando unha revisión a fondo de Rosalía de Castro, que pon de relevo a escritora patriótica e social, a que denuncia o trato recibido polos galegos en Castela, a que retrata a traxedia da emigración, a revolucionaria de “A xusticia pola man”, a Rosalía dos oprimidos, do pobo oprimido. E axiña tamén comeza a se fraguar outra decisiva revisión, a que desvela, con todo o seu vigor, a muller escritora, a Rosalía feminista, o fío que conduce á explosión contemporánea da escrita de mulleres.

Pero Rosalía non se esgota. As investigacións biográficas de Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda desmontaron nos últimos anos falsos lugares comúns decisivos na comprensión cabal da autora, como o abandono da nai e ese necesario paso pola aldea, que xa están sepultos. E novas achegas desde a análise da paisaxe, as estratexias discursivas, a utilización dos cantares populares, os espazos simbólicos de transgresión e resistencia, o suxeito político, etc. fannos ver que Rosalía de Castro resulta inesgotábel. Ela mesma contribuíu coas súas estratexias a ocultarse, mesmo a encriptarse. Por iso cada xeración que se lle achegue pode te-la satisfacción de atopar nela aspectos nunca vistos. Rosalía sempre falará, coma os grandes escritores, e estará viva na medida en que o estean os seus lectores. Que Galicia teña como “pai da patria” unha muller, xa é ben significativo da orixinalidade do seu proxecto de emancipación contemporáneo, de como todo o proceso iniciado no Rexurdimento está aliado coa transformación e mesmo coa subversión. No fondo é esa a idea xeral que manexa o pobo galego cando invoca Rosalía de Castro. Que Rosalía seguirá sendo bandeira nacional, non nos merece ningunha dúbida. A súa imaxe está destinada a acompañar e iluminar para sempre, cos perfís que foren pero coa luz daquela estrela que lle puxo Curros, a mesma de José Martí, o proxecto que ela mesma axudou decisivamente a pór en marcha: o dunha Galicia Ceibe.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Rosalía de Castro , a voz da radicalidade.

175 anos do nacemento de Rosalía de castro.

O Venres de 24 de febreiro cúmprese 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro A AELG está promovendo unha serie de actos organizados por concellos e asociación culturais para celebrar este día.
Dende a FPG Redondela compartimos a iniciativa e animamos os veciños e veciñas a agasallar un libro en galego e unha flor conmemorando con este acto o nacemento da autora.

http://www.aelg.org/GetActivityById.do?id=239

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en 175 anos do nacemento de Rosalía de castro.

Mulleres, loitemos polo noso!

Este ano, con motivo do Día Internacional das Mulleres, celebrarase unha manifestación nacional o día 11 de marzo en Compostela baixo o lema “Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos”. Sairá ás 12:00h. dende a estación do tren e rematará cun concerto na Praza da Quintana. Esta mobilización, que se presentou en rolda de prensa o pasado martes 14 de febreiro, está organizada a nivel nacional e comarcal por diferentes colectivos feministas e sindicatos (ANDAINA, CIG, CUT, FARAXA, FEMINISMOS COMPOSTELA, MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES, NÓS MESMAS, REDE FEMINISTA GALEGA, SLG e STEG).

Na presentación da campaña déronse as claves polas cales as mulleres, máis que nunca, debemos saír á rúa: a precariedade laboral, que nos afecta máis ás mulleres por sermos un sector entendido como complementario e que, por tanto, pode ser máis facilmente explotado; a falsa responsabilidade ante a crise capitalista e a desaparición do seu Estado de Benestar; o recorte de dereitos sociais, a desaparición dos centros de orientación afectivo-sexual e dos centros de acollemento para mulleres maltratadas, os constantes ataques conta a soberanía sobre os nosos corpos e vidas, a reforma da Lei do aborto; a invisibilización de moitas mulleres, traballadoras de sectores mergullados e silenciados e que non ven recoñecidas as súas achegas á sociedade; as múltiples e variadas formas de violencia ás que nos vemos expostas, o canon de beleza irreal, o terrorismo patriarcal e as súas vítimas -asasinadas, violadas, queimadas, apuñaladas, golpeadas, insultadas, menosprezadas-, as agresións contra os nosos corpos e mentes, contra o que somos polo simple feito de sérmolo, a imposibilidade de vivirmos a nosa sexualidade libremente, de gozar con e por nós mesmas, a imposición da heteronorma e a marxinación de todo o que a ela escapa. As mulleres non contamos para os gobernos, non somos nada para os partidos servos do capital.

Dende a FPG celebramos esta iniciativa e participaremos activamente desta mobilización. Chegou a hora de empoderarnos nós, mulleres, para defendernos e loitar polo que é noso. Porque a realidade non deixa espazos para outra loita que non sexa a da mobilización e a rebelión. Porque non debemos de ter medo a reivindicar os espazos que nos roubaron: a rúa é nosa e o 11 de marzo debemos de estar todas nela.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Mulleres, loitemos polo noso!

NON AO POLÍGONO INDUSTRIAL EN CHAN DAS PIPAS

Logo da xuntanza da Asociación de Empresarios de Redondela (AER) cos partidos políticos con representación no concello e con algúns axentes sociais, dos que non sabemos onde e quen lles outorgou representación para os facer interlocutores válidos en espazos nos que se está a tratar do interese xeral, queremos expór o noso posicionamento:

Por unha banda, parécenos que este foro non é dabondo representativo para os intereses das veciñas e dos veciños de Redondela como para telo en  conta, e preguntámonos pola súa lexitimidade.

Por outra banda, salientarmos que a presenza dos partidos políticos con representación no concello foi ben cativa: faltaron os representates do PSOE e os da Agrupación de Electores. Estes últimos desculpáronse por non asistir.

  Nós non temos representación política no concello, pero  dubidamos moito que de tela participásemos destas mascaradas; e en todo caso, de facelo,  sería para  meterlles o dedo no ollo a todos aqueles ( poñelos en contradición, por dicilo máis amablemente) que pretenden facernos crer que defenden o interese común, cando o único que os move é o de sempre:“Que hay de lo mío?”.      En definitiva, tratan de facernos crer que se reunen para fomentar o traballo en Redondela, cando o que realmente queren é especular sen preocuparse de nada, aínda que pretendendo involucrar o maior número posíbel de cómplices para traizoaren o interese comunal. Alá cadaquén co que apoia.

 Podemos entender, e incluso compartir, que vexan unha necesidade no Plan Xeral de Ordenación Urbana. Nós xa levabamos no noso programa as bases dun PXOU consensuado coas parroquias, cos veciños e veciñas de Redondela. En todo caso, o que non apoiamos é a necesidade e a urxencia na construción dun polígono industrial. Estamos convencidas e convencidos de que esta non é a solución  ao problema do desemprego. E de ser así como eles nos din, onde existisen estes terreos industriais non habería paro nin precariedade. Pero nada máis lonxe da realidade, endemal.

  Deste xeito, tampouco partillamos que se metan na ubicación do devandito polígono. Este feito fala polas claras non só da submisión do Concello de Redondela ás esixencias do empresariado local e a necesidade de cooptar interlocutores para o seu beneficio cunha nula representativadade democrática; senón que tamén do pouco que se teñen en conta, en ocasións, os informes técnicos nas diversas materias. Quizáis porque, neste caso, estes informes non interesan, abofé.

 E porque aos veciños e veciñas de Redondela non nos consta hoxe en día que a Asociación de Empresarios de Redondela nin eses axentes sociais que o concello fai participar neste foro teñan coñecementos en Ordenación Urbanística, Arquitectura e  que  ao tempo poidan calcular eficientemente o impacto ambiental do desenvolvemento dun proxecto destas dimensións. Nós, sinceramente, non o cremos.

  Se isto non fose xa dabondo, e se cabe para facer máis grande o esperpento, din querer o imprescindíbel polígono en Saxamonde, en Chan das Pipas, algo que dende a Frente Popular Galega de Redondela rexeitamos, xa que esta é unha paraxe que deberíamos coidar e pór en valor. Por aquí, entre outros bens materiais e inmateriais, pasan o famoso Camiño de Santiago, a marabillosa Senda da Auga; onde se pode gozar da natureza,  onde temos, asemade, vistas únicas.

 Polo que deberíamos pular para promocionar o turismo ecolóxico, o sendeirismo. Iso todo que, aínda por riba, está tan de moda, e polo que os nosos representantes foron a  Madrid (FITUR) co gallo de defender o turismo de Redondela, hai poucos días. Cremos que lles contaron que ben axiña teremos un polígono.

  Neste sentido, tamén argumentar que o polígono de Mos, Veigadaña,(polígono de escasa ocupación empresarial) está a  5 minutos  de Chan das Pipas. Polo que a pregunta é obvia:  ¿Que é o que se pretende? ¿Repetir o caso de “aeroportos para todos”?

    Con todo e polo que tamén se desprende do noso programa electoral, nós non estamos en contra de que se ordene dun xeito racional a industria local. Nese sentido estamos a prol da recolocación das empresas situadas onda o mar que non precisan dese enclave. Pero como tampouco somos localistas, non nos importa que sexa nesta ou  noutra localidade na que se leve a cabo o polígono, pero sempre que se programe dende a racionalidade e non dende unha finalidade especulativa. Tamén sabemos sobradamente que, ao non enfrontarmos o futuro dende a racionalidadee e o interese xeral, nestes momentos de crise se poden cometer erros de miopía. Erros, desgrazadamente, que serán, de non os evitar, irreparábeis.

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en NON AO POLÍGONO INDUSTRIAL EN CHAN DAS PIPAS

Palestra en Marín sobre os recortes na sanidade e os servizos sociais.

recortes PPO vindeiro xoves, quinta feira 2 de febreiro, o Colectivo Nacionalista de Marín e a Frente Popular Galega de Pontevedra organizamos unha palestra sobre a actual ofensiva de recortes na sanidade e os servizos sociais.

Perante o brutal ataque da oligarquía española contra as conquistas da clase traballadora desde as nosas respectivas organizacións cremos que é o momento de sumar forzas para a mobilización. A loita segue sendo o único camiño tamén nas terras de Pontevedra, o Salnés e Caldas onde os efectos desta mal chamada “crise” están golpeando ás traballadoras e traballadores con especial virulencia e onde nas nosas vilas e parroquias as organizacións políticas da esquerda semellan máis ben avestruces acañadas cando non son cómplices da dereita e das súas políticas de exterminio.

Estades, pois, todos e todas convidadas á palestra na que falarán Xiana López e Diego Leal así como a achegar as vosas ideas e propostas. O acto terá lugar na biblioteca de Marín ás 20h00.

Asemade ambas as dúas organizacións vimos de tirar do prelo un boletín especial con información desde as nosas localidades que podes consultar ou descargar aquí:

http://pt.scribd.com/doc/78860552/Boletin-Informativo-CNM-FPG

Publicado en Novas | Comentarios desactivados en Palestra en Marín sobre os recortes na sanidade e os servizos sociais.