Urbanismo e especulación


O pasado 24 de febreiro na Casa da Cultura, a Frente Popular Galega de Redondela organizou unha charla coloquio baixo o título “ Especulación e urbanismo: Massó, semente do poder veciñal”. Participaron Alberto Covelo, Secretario Comarcal de Acción Sindical pola Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) e membro da candidatura que a F.P.G. presenta no noso concello; Mariano Abalo, concelleiro pola Alternativa Canguesa de Esquerdas (A.C.E.) no Concello de Cangas , e Antón Fernández Cordeiro, membro do Foro Social de Cangas (F.S.C.). Despois dun relato rigoroso, introducido por un breve apuntamento biográfico e político dos conferenciantes, quen viviron en primeira persoa, como responsable da Concellaría de Urbanismo, o primeiro, e, como destacado integrante do F.S.C , que está integrado na organización A Ría Non Se Vende, o segundo, os sucesos que, na antiga conserveira ubicada no Salgueirón, aconteceron na vila do Morrazo entre o 2005 e 2011; Alberto Covelo deu paso e moderou un intenso debate no que se profundizou na situación de Cangas, e no que os asistentes rapidamente viron reflectida a vila de Redondela, que está seriamente ameazada pola máis que posible, pero evitable, expropiación de terreos e construción dos tramos das autovías A-57 e A-59, e a ampliación da ponte de Rande, feito que supón unha innecesaria fragmentación e illamento das parroquias afectadas e un devastador impacto ecolóxico, co que está a acontecer da outra banda do mar,. Chegouse á conclusión, finalmente, de que diante do absoluto distanciamento das demandas dos veciños por parte dos catro partidos políticos con representación no Concello de Redondela, e do seu escurantismo, que pexa que a información de que dispoñen circule libremente entre as mulleres e homes de Redondela, é necesaria, así o constataba o exemplo de A.C.E. en Cangas, a presenza dentro da Casa do Concello dun partido político que defenda os intereses dos máis e que deixe entrar a voz dos colectivos sociais, únicos valedores e dinamizadores dos intereses da poboación de Redondela.

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.