A rebaixa do soldo do alcalde: unha forma de lexitimar os recortes

Desde a FPG de Redondela transmitimos a nosa valoración negativa a respecto da rebaixa do 7’14% nas retribucións de alcalde  e concelleiros (que si estamos dacordo en que cobran demasiado e propusimos e propoñemos que cobren a metade).

 Este tipo de medidas constitúe un exercicio de demagoxia  ao pretender transmitir a sensación de “solidariedade” ou de “axustes para todos” onde só hai incompetencia, pasividade e rendición dos representantes políticos do PP ás esixencias da grande banca e dos especuladores financeiros.

Se realmente as e os edís do PP pretendesen actuar con “solidariedade”, dimitirían dos seus cargos e abandonarían o partido que está levando á miseria ás clases traballadoras do Estado español. Se desexasen solucionar a crise do sistema co resto doa cidadanía, estarían ao seu carón nas mobilizacións que as centrais sindicais están a convocar estes días contra os recortes do Goberno Rajoy.

Tras esta manobra populista de Javier Bas e a súa corporación atópase o obxectivo de lexitimar os recortes no sector público como solución a unha crise da que non é causa. Nunca escoitaremos ao alcalde de Redondela, nin a ningún membro do seu goberno, pedir subas de impostos para os máis ricos ou reclamar xustiza cos e coas corruptas do seu partido que si parasitan e son prescindibles no sector público.

Na FPG mostraremos activamente que estamos coas e cos empregados públicos, participando de todas as mobilizacións que leven a cabo fronte á rebaixa salarial e á precarización de sanidade e educación. Os e as cargos do PP non son os representantes do pobo, senón dos intereses do grande capital. A súa solidariedade sempre é un engano que persegue a nosa desmobilización

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.