A FPG aposta polo monolingüísmo social do galego

Escrito por FPG on may 16th, 2012 //

Vivimos nun país conquistado, a introdución do español no noso país é o resultado dese proceso de conquista no que a imposición da lingua allea se fixo ás veces por medios expresamente violentos, como durante o franquismo, e outras por medios máis sutís pero igualmente efectivos, como na época actual.

Na Frente Popular Galega pretendemos darlle a volta a este proceso histórico de asimilación cultural, loitando pola recuperación total efectiva da nosa lingua mediante a súa designación como lingua vehicular no ensino. Esiximos tamén unha maior cota de galego nos medios de comunicación de masas, a derrogación do chamado Decreto do Plurilingüísmo, e a posta en marcha das medidas precisas para salvagardar unha lingua cualificada pola UNESCO en 2001 como lingua en perigo.

Por todo isto, a FPG estará presente na manifestación deste 17 de maio en Compostela expresando a nosa vontade de defender o patrimonio que mellor nos distingue como Nación: o galego.

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.