“Acabada la primera fase de la obra paralizada en Chapela”

Así se titulaba esta noticia do Faro de Vigo o domingo 1 de abril do 2012, na cal faise unha referencia ao compromiso do alcalde de Redondela Sr. Bas, de ter rematadas as obras para o día 30de marzo, así como tamén se incide, en palabras do concelleiro de vías e obras, nas causas alleas ao goberno que fixeron retardar o remate das mesmas.

Estado actual zona Multiusos e correos

Dende a FPG, en primeiro lugar cómpre dicir, que estas obras comezaron hai un ano e quedaron paralizadas durante sete meses e se se voltaron reconducir, se retirou a tubaxe, e se o alcalde tomou a palabra para dar o seu compromiso, foi única e exclusivamente grazas ao veciños e veciñas que decidiron en asemblea “aberta”, comezar a mobilizarse.

 

Estado actual da "obra rematada" Camiño Subido

Por outra banda, salientar que logo destes sete meses sen traballar na zona, foron elixir o día da Folga Xeral para levalo a cabo, feito que fala por si só de como se coaciona á clase traballadora e de quen o fai. Todo isto coa chantaxe emocional a uns veciños e veciñas que por fin vían cos seus ollos como lles quitaban uns tubos que levaban diante da súa porta un ano.

Unha vez máis nesta nota de prensa lemos, sen sorpresa, como te tiran balóns fóra, coma sempre, cando non se goberna, cando non se fai o que se ten que facer, cando hai problemas, a culpa non é do concello, neste caso é da Diputación, como podería ser da Xunta ou do  Estado, ou dos operarios ou dos mesmos veciños/as.

 

16 de abril ás 12 da mañá "obra rematada camiño Subido"

E a responsabilidade, de quen é a responsabilidade de axilizar os trámites sexa onde sexa?. De quen é a responsabilidade de xestionar? De quen é a responsabilidade de gobernar? Outros nos cremos coa responsabilidade de estar co pobo na rúa e onde faga falta.

Por último e o máis importante, temos que dicirlle ao goberno de Redondela, que os veciños e veciñas xa comezaron un camiño, o camiño da dignidade, e non só piden que se lles quiten os tubos, piden que se humanice a súa vida, que se humanice como se vai humanizar o entorno da Xunqueira,  onde están a cambiar as lousas por pedras, nun contexto de crise, onde non vai haber erros de cálculo, onde non van crebar empresas, onde en definitiva, comezaron unha obra e van rematala sen demora, senón ao tempo.

Nós entendemos que a zona do Penisal non é menos que ningunha outra, e agora teñen que rematar o que empezaron, sen deixar fochancas nin escombro, entendemos que as reivindicacións non foron só polos tubos do Camiño do  Subido, e toda a contorna que está abandonada, é o Camiño das Ánimas, e a zona inhumanizada onde está a igrexa de Chapela, o Multiusos, etc.

 

Dende a FPG Redondela apoiaremos á veciñanza de Chapela e demais parroquias esquecidas que decidan mobilizarse polas melloras da súa contorna, xa que a deixadez por parte das administracións das zonas alleas ao casco urbano é unha eiva continuada no tempo polos diferentes gobernos. E algún día haberá que pagar esa débeda histórica. Mentres entendemos que as únicas saídas pasan por facer piña e exercer presión.

 

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.