OS SEUS RECORTES QUEIMAN OS NOSOS MONTES.

A  FPG Redondela convoca todos veciños/as, partidos políticos,
asociacións e colectivos, a unha concentración O MARTES  DE ABRIL ás 20.00h na prazado concello polos  lumes en Galicia, pola ineficaz ordenación do territorio, pola nula prevención dos incendios, pola política de recortes nesta materia que pexa a mellora do servizo de extinción, pola ocultación ou cando menos falta de información, porque temos a obriga de esixir responsabilidades. Voltemos a rúa, que ao igual que os montes é nosa.

– NON MÁIS LUMES NOS NOSOS MONTES-

Nós pola nosa parte, ademais de convidarvos  a participar do xeito
que creades conveniente, animámosvos a portar todo tipo de serigrafía, faixas etc, a prol de denunciar os feitos de maneira conxunta. A seguir expoñemos o manifesto:

Respostas á catástrofe nas Fragas do Eume

Escrito por FPG on abr 2nd, 2012 //

A Frente Popular Galega daba á luz, en setembro do ano 2010, o documento Os incendios forestais en Galiza, que cuestiona as erróneas políticas de combate de incendios forestais que os diversos gobernos da Xunta de Galiza desenvolveran até a altura, tratando de que esta achega humilde e necesaria servise para unha reflexión colectiva sobre unha problemática que transcende o puntual para se converter nunha eiva estrutural nas políticas nacionais de xestión, cuxas consecuencias seguen a poñer en risco a propia existencia do noso pobo, cun profundo custo social, económico e ambiental. E é pola necedade das liñas mestras da administración neste campo que este caderno segue a estar de rabiosa actualidade.

Anos despois, a administración do Partido Popular galego segue inmersa nun discurso exculpatorio, atribuíndo a responsabilidade última da problemática incendiaria á “delincuencia ambiental”, o que non fai senón evadir o fondo da cuestión para se centrar nunha das súas manifestacións. Ao tempo que distrae a furia dun pobo como o galego, rabioso hoxe pola queima dunha das masas forestais ambientalmente máis importantes de Galiza, a das Fragas do Eume.

Seguimos demandando unha Ordenación Territorial de Galiza, que se acometa en coordinación cos galegos e galegas que decidan afincar o seu proxecto de vida no rural, adaptada ás condicións propias da nosa economía e territorio, que reverta profundamente unha lóxica de usos especulativos do noso chan, cara a unha posta en valor do noso medio rural. Precisamos programas de concienciación social e posta en valor da posibilidade de usos económicos diferenciados do noso monte e da súa relevancia ambiental para a cidadanía. Demandamos unha mellora inmediata dos dispositivos e políticas de prevención, concibindo os incendios forestais como unha auténtica catástrofe ambiental e social que debe ser previda por todos os medios posíbeis, sendo como tal unha materia de investimento de recursos públicos preferente. Queremos unha dotación á altura dos tempos dos dispositivos de loita antiincendiaria, o que leva consigo un paso atrás na degradación actual destes dispositivos que se está a alentar en base ao paradigma dunha austeridade que se está a desenvolver a prol da clase dominante e sempre contra o pobo e o seu medio natural. Para isto é preciso contar con traballadoras e traballadores nunhas condicións dignas e de seguridade, preparadas e preparados, e cos instrumentos de loita contra o lume axeitados.

A FPG insiste na responsabilidade última que a administración galega ten nestas catástrofe. E contra a administración colonial e as lóxicas políticas e económicas do Capital que están detrás desta problemática é que a militancia da FPG chama a apoiar as concentracións convocadas nas principais vilas galegas.

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.