UNHA VEZ MÁIS: GRUMIR

Por volta do mes de novembro de 2011,o concello decide promover unha “ xuntanza informativa”  na que chaman á participación de todos os partidos políticos da vila, con ou sen representación , para tratar o Servizo de Emerxencias de 24 horas.  Dende unha posta en escena próxima ao iluminismo demagóxico, o que para os dirixentes do PP en plena campaña electoral se resolvía en días, unha vez que pasaron os comicios, foi virando nun problema irresoluble.

Nesa  primeira xuntanza a FPG de Redondela , quen xa se posicionara no decorrer da campaña electoral municipal de maio de 2011 a prol do servizo e dos traballadores, explica cal é o seu posicionamento: Creación inmediata dun GRUMIR PÚBLICO  E DE CALIDADE  quer baixo a tutela da Xunta de Galicia, quer baixo a tutela da Deputación Provincial, quer baixo a tutela do Concello de Redondela, para dese xeito rematar coa precariedade do servizo e  dos traballadores. Por mor disto, non rexeitamos a proposta do Concelleiro de Interior de pular a través da Xunta de Galicia por un servizo mancomunado, público e de calidade, coa que se pretendía optimizar os recursos.

folga de fame GRUMIR

Xa que o PP non quere darlle a esta xuntanza o rol de comisión executiva, nesa primeiro encontro o alcalde compromete a súa palabra e a do equipo de goberno a traballar nesa dirección, adiantando que cando haxa avances, volverá convocar unha nova xuntanza. E deste xeito a creación do Servizo de Emerxencias de 24 horas quedou en mans do “ goberno amigo”.

Por volta de febreiro de 2012 somos outra vez convocados. Nesta nova xuntanza, tres meses despois, o Concelleiro de Interior non manifesta ningún avance. Pretendendo corresponsabilizar os partidos políticos que asisten a esta nova xuntanza de algo que só compete ao equipo de goberno: a acción de gobernar.  E deste xeito, mentres que o PP de Redondela segue a supeditar os intereses de Redondela ás políticas de invisibilización nas que a Xunta de Galicia inscribe a nosa vila, as veciñas e veciños seguimos sen a cobertura deste servizo e os traballadores continúan desempeñando o seu traballo en condicións precarias.

Polo que dende a FPG de Redondela seguimos a denunciar esta situación.

 

En Redondela a 9 de marzo de 2012.

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.