Rosalía de Castro , a voz da radicalidade.

Ningunha outra personalidade de Galicia foi e é tan asumida como súa polo pobo galego. Rosalía de Castro resulta, co seu capital simbólico acumulado, xeración tras xeración, un referente nacional, tanto dentro coma lonxe de Galicia. Ningunha outra figura literaria ou cultural ou política ou o que for xerou tantas páxinas, tantas imaxes, tanta música ou tanta arte en xeral coma Rosalía de Castro. Iso si, os atributos e o debuxo dos seus perfís foron variando ó longo da historia, como variaron e evoluíron as revisións estéticas e políticas do proxecto que ela mesma encabezou. A súa radicalidade, así literaria como social e política, nunca foi ben asimilada polo seu entorno. Rosalía era a tola, a estrafalaria, a irreverente, a non católica (a católica en tódolos sentidos era Emilia Pardo Bazán). E era desde logo tamén a pobre, a non propietaria e foi, como todo o Rexurdimento galego, duramente acosada polos poderes fácticos. Así nola retrata Curros Enríquez, un fillo leal, no seu “Do mar pola orela”: comesta dos lobos, tola, rebelde, soa. O rexionalismo primeiro e logo o nacionalismo, social e politicamente febles e, en certos aspectos, tamén conservadores, elevaron ós precarios altares da institucionalización unha Rosalía santa e nai e rula, como nola presenta Cabanillas. E así funcionou ou se quixo que funcionase, como nai, mater protectora, como santiña dos altares do pobo; perfís doces, formas consabidas e redondas. Probabelmente fosen estes roles, o de nai e o de santa, os que máis prexudicaron a súa figura, tanto na súa dimensión literaria como na política, ó desactivaren todo o potencial transgresor e revolucionario da súa obra. E probabelmente fosen tamén estes roles os que máis perviviron no imaxinario conservador. Quizais tamén porque toda canonización literaria ten o perigo de converterse en santificación. E velaí o paradoxo de ser considerada nai e santa unha escritora cuxa vida e cuxa obra foron continuos posicionamentos que sempre desmentiron semellantes lousas ideolóxicas, unha escritora aberta e declaradamente feminista, contraria de raíz a eses papeis impostos polo patriarcado, que condenaban a muller á submisión, como en tantos e tantos textos demostrou, encarándose cos usos e costumes, coa tradición, coa relixión, coa política vixente, co cancioneiro popular galego alí onde este era reaccionario…

A Luís Pimentel (“ela chorou por todos e pra sempre”) tocoulle esgazar estas visións idealistas precedentes e aquelas tamén contemporáneas, como a do culturalismo de Ramón Piñeiro, que nos anos cincuenta foxe da Rosalía popular para darlle unha dimensión universal asociada ó esencialismo nacional-filosófico da saudade. Mais axiña esta visión de Rosalía comeza a ser contestada e nos anos sesenta e setenta vaise fraguando unha revisión a fondo de Rosalía de Castro, que pon de relevo a escritora patriótica e social, a que denuncia o trato recibido polos galegos en Castela, a que retrata a traxedia da emigración, a revolucionaria de “A xusticia pola man”, a Rosalía dos oprimidos, do pobo oprimido. E axiña tamén comeza a se fraguar outra decisiva revisión, a que desvela, con todo o seu vigor, a muller escritora, a Rosalía feminista, o fío que conduce á explosión contemporánea da escrita de mulleres.

Pero Rosalía non se esgota. As investigacións biográficas de Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda desmontaron nos últimos anos falsos lugares comúns decisivos na comprensión cabal da autora, como o abandono da nai e ese necesario paso pola aldea, que xa están sepultos. E novas achegas desde a análise da paisaxe, as estratexias discursivas, a utilización dos cantares populares, os espazos simbólicos de transgresión e resistencia, o suxeito político, etc. fannos ver que Rosalía de Castro resulta inesgotábel. Ela mesma contribuíu coas súas estratexias a ocultarse, mesmo a encriptarse. Por iso cada xeración que se lle achegue pode te-la satisfacción de atopar nela aspectos nunca vistos. Rosalía sempre falará, coma os grandes escritores, e estará viva na medida en que o estean os seus lectores. Que Galicia teña como “pai da patria” unha muller, xa é ben significativo da orixinalidade do seu proxecto de emancipación contemporáneo, de como todo o proceso iniciado no Rexurdimento está aliado coa transformación e mesmo coa subversión. No fondo é esa a idea xeral que manexa o pobo galego cando invoca Rosalía de Castro. Que Rosalía seguirá sendo bandeira nacional, non nos merece ningunha dúbida. A súa imaxe está destinada a acompañar e iluminar para sempre, cos perfís que foren pero coa luz daquela estrela que lle puxo Curros, a mesma de José Martí, o proxecto que ela mesma axudou decisivamente a pór en marcha: o dunha Galicia Ceibe.

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.