NON AO POLÍGONO INDUSTRIAL EN CHAN DAS PIPAS

Logo da xuntanza da Asociación de Empresarios de Redondela (AER) cos partidos políticos con representación no concello e con algúns axentes sociais, dos que non sabemos onde e quen lles outorgou representación para os facer interlocutores válidos en espazos nos que se está a tratar do interese xeral, queremos expór o noso posicionamento:

Por unha banda, parécenos que este foro non é dabondo representativo para os intereses das veciñas e dos veciños de Redondela como para telo en  conta, e preguntámonos pola súa lexitimidade.

Por outra banda, salientarmos que a presenza dos partidos políticos con representación no concello foi ben cativa: faltaron os representates do PSOE e os da Agrupación de Electores. Estes últimos desculpáronse por non asistir.

  Nós non temos representación política no concello, pero  dubidamos moito que de tela participásemos destas mascaradas; e en todo caso, de facelo,  sería para  meterlles o dedo no ollo a todos aqueles ( poñelos en contradición, por dicilo máis amablemente) que pretenden facernos crer que defenden o interese común, cando o único que os move é o de sempre:“Que hay de lo mío?”.      En definitiva, tratan de facernos crer que se reunen para fomentar o traballo en Redondela, cando o que realmente queren é especular sen preocuparse de nada, aínda que pretendendo involucrar o maior número posíbel de cómplices para traizoaren o interese comunal. Alá cadaquén co que apoia.

 Podemos entender, e incluso compartir, que vexan unha necesidade no Plan Xeral de Ordenación Urbana. Nós xa levabamos no noso programa as bases dun PXOU consensuado coas parroquias, cos veciños e veciñas de Redondela. En todo caso, o que non apoiamos é a necesidade e a urxencia na construción dun polígono industrial. Estamos convencidas e convencidos de que esta non é a solución  ao problema do desemprego. E de ser así como eles nos din, onde existisen estes terreos industriais non habería paro nin precariedade. Pero nada máis lonxe da realidade, endemal.

  Deste xeito, tampouco partillamos que se metan na ubicación do devandito polígono. Este feito fala polas claras non só da submisión do Concello de Redondela ás esixencias do empresariado local e a necesidade de cooptar interlocutores para o seu beneficio cunha nula representativadade democrática; senón que tamén do pouco que se teñen en conta, en ocasións, os informes técnicos nas diversas materias. Quizáis porque, neste caso, estes informes non interesan, abofé.

 E porque aos veciños e veciñas de Redondela non nos consta hoxe en día que a Asociación de Empresarios de Redondela nin eses axentes sociais que o concello fai participar neste foro teñan coñecementos en Ordenación Urbanística, Arquitectura e  que  ao tempo poidan calcular eficientemente o impacto ambiental do desenvolvemento dun proxecto destas dimensións. Nós, sinceramente, non o cremos.

  Se isto non fose xa dabondo, e se cabe para facer máis grande o esperpento, din querer o imprescindíbel polígono en Saxamonde, en Chan das Pipas, algo que dende a Frente Popular Galega de Redondela rexeitamos, xa que esta é unha paraxe que deberíamos coidar e pór en valor. Por aquí, entre outros bens materiais e inmateriais, pasan o famoso Camiño de Santiago, a marabillosa Senda da Auga; onde se pode gozar da natureza,  onde temos, asemade, vistas únicas.

 Polo que deberíamos pular para promocionar o turismo ecolóxico, o sendeirismo. Iso todo que, aínda por riba, está tan de moda, e polo que os nosos representantes foron a  Madrid (FITUR) co gallo de defender o turismo de Redondela, hai poucos días. Cremos que lles contaron que ben axiña teremos un polígono.

  Neste sentido, tamén argumentar que o polígono de Mos, Veigadaña,(polígono de escasa ocupación empresarial) está a  5 minutos  de Chan das Pipas. Polo que a pregunta é obvia:  ¿Que é o que se pretende? ¿Repetir o caso de “aeroportos para todos”?

    Con todo e polo que tamén se desprende do noso programa electoral, nós non estamos en contra de que se ordene dun xeito racional a industria local. Nese sentido estamos a prol da recolocación das empresas situadas onda o mar que non precisan dese enclave. Pero como tampouco somos localistas, non nos importa que sexa nesta ou  noutra localidade na que se leve a cabo o polígono, pero sempre que se programe dende a racionalidade e non dende unha finalidade especulativa. Tamén sabemos sobradamente que, ao non enfrontarmos o futuro dende a racionalidadee e o interese xeral, nestes momentos de crise se poden cometer erros de miopía. Erros, desgrazadamente, que serán, de non os evitar, irreparábeis.

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.