Castelao, o río que reborda nos deltas.

Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente: La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de NINGÚN ACTO POLÍTICO. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista. Se podrá destacar SU PERSONALIDAD POLÍTICA, siempre y cuando se mencione que aquella FUE ERRADA y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística NO SE HARÁ MENCIÓN NINGUNA DE SU ENSAYO ” SEMPRE EN GALIZA” NI DE LOS ÁLBUMES DE DIBUJOS DE LA GUERRA CIVIL. Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente.”  (Dirección Xeral de Prensa do Goberno de España)

 

 

              De que morte morreu a nosa prenda? ( R. Cabanillas)

 

 

O 7 de xaneiro de 1950, uns meses antes da conversión irreversíbel do Partido Galeguista do interior nunha editorial, acontece a morte biolóxica de Castelao. Dende o seu falecemento até hogano son moitos os que se teñen postulado como albaceas do seu legado. Moitos os que teiman unha e outra vez en soterrar (e non só) a súa dimensión simbólica. Fomos e ímolos identificando  a través da parte da súa poliédrica dimensión humana que gaban. Poderemos recoñecelos a través do relato profundamente distorsionado que fan dos seus días. Saberemos deles, sempre,  por mor da apropiación (indebida) que levan a cabo, traendo ao fío destas palabras as verbas do poeta, ao teren como horizonte exclusivamente lexitimar unha orixe, unha usurpación. E neste sentido, mentres algúns salientan a súa calidade artística; outros, mixtifican os relanzos finais da súa existencia para ofrecérennos o perfil caricaturizado dun home derrotado, apráctico, ególatra e atormentado. Así e todo non podía faltar a esta listaxe de infames quen pretende  engaiolalo e ubicalo fóra dos ventos dialécticos da Historia.

Diante dunha  lectura espúrea do seu quefacer, as militantes e militantes da Frente Popular Galega de Redondela, estamos enfrontados a aqueles que priorizan a laboura artística do rianxeiro. Querémonos afastados desa compulsión por enterrar novamente o morto. E situámonos ben lonxe de desexar capitalizar o seu cadáver. Polo que suliñamos que a súa obra non pode ser asumida por todas e todos. Para algúns, de feito, é inasumíbel. Mais sendo así, asemade sabemos que tampouco pode ser legado dunhas poucas e poucos. En defintiva, pensamos que ninguén está lexitimado para inferirlle ao seu pensamento un sentido unívoco e clausurado. Canto menos para apropiárense por sempre da totalidade do seu capital simbólico.

E xa que logo, dende a Frente Popular Galega de Redondela queremos facer fincapé no cabodano do seu pasamento en que a súa xeira é un proceso, un río, un produto histórico no que algunha das súas trazas fican, abofé, obsoletas. Pero con todo, tamén queremos salientar que unha grande parte das súas angueiras están vivas. O río sempre reborda nos deltas.

Estámonos a referir á súa faciana republicana, anfi-feixista e unitaria pola que canalizou os relanzos finais do curso da súa vida para aviso dos seus contemporáneos e das vindeiras xeracións. Aquí cabería falarmos polo miúdo da creación da Irmandade Galega, do Consello de Galiza, no que implícitamente se analizaba a insuficiencia do Partido Galeguista como ferramenta para a acumulación de forzas e cohesión no novo contexto estatal e internacional. Tamén coma non, da denuncia  e da toma de distancias cara á estratexia da sucesión borbónica alentada pola CIA e xestionada pola ANFD, PSOE, certos sectores da CNT, o PNV e o “piñeirismo”, entre outros.  Estes e non outros son os eixos principais que amalloan o seu pensamento ás trabes da praxe política que se alicerza na unidade contra o fascismo do seu tempo baixo o internacionalismo coñecido como Fronte Popular e que se formaliza na alianza das potencias burguesas, aínda non subsumidas polo fascismo planetario, e a URSS.

Xa que logo, despois de subtraermos todo o que no seu pensamento é subtraíbel, e tendo moi en conta estes aspectos : a unidade, o republicanismo e o anti-feixismo ( que no noso tempo só pode ser enunciado como anticapitalismo), pensamos na Fronte Popular Galega de Redondela que cómpre avolver as augas do seu pensamento por moitas veces e pormos en valor esta fasquía da súa polifacética personalidade no LXII cabodano da súa morte.

 

 

DENANTES MORTAS QUE ESCRAVAS.

 

 

 

En Redondela, a 7 de xaneiro de 2.012.

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.