Derrubar o seu sistema, construír o noso futuro

Escrito por FPG on dic 16th, 2011 //

A Frente Popular Galega apoiará mañá sábado 17 a mobilización que a organización de mocidade comunista ADIANTE convoca en Compostela a partir das 18 da tarde.

Co lema “Derrubar o seu sistema, construír o noso futuro”, ADIANTE chama ás mozas e mozos galegos a “procurar o xeito de empezarmos dende agora a construír con ilusión, con paciencia e sobre todo, con insistencia, o noso propio futuro”. Ante o panorama de recorte de dereitos e empobrecemento das clases traballadoras, este colectivo de mocidade procura dar continuidade á visibilización do malestar e indignación:  “debemos ocupar e utilizar todos os espazos públicos como punto de encontro no que comezarmos a poñer en común as fórmulas de construír ese novo sistema que queremos: onde os traballadores e traballadoras decidan o seu propio destino, onde a maioría social sexa radical e realmente libre, onde se disolvan á fin as marcas seculares do patriarcado e da dominación sobre as mulleres”.

Como non podía ser doutro xeito, apoiaremos esta convocatoria agardando que o éxito da mesma favoreza a participación da mocidade no proceso de acumulación de forzas e resistencia frente á ofensiva neoliberal e do grande capital.

Máis información no enderezo web de ADIANTE.

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.