Voluntariado non é man de obra gratuita.

Estes días, promóvese un programa dende a Concellaría de Servizos Sociais do Concello de Redondela que consiste na creación dun obradoiro de Nadal. O obxectivo do obradoiro é conciliar a vida laboral nestas datas a través da posta en marcha de ludotecas. Para este proxecto a concellaría precisa  voluntarios e voluntarias especializadas. Grazas a unha compañeira soubemos da realidade deste plan. Segundo nos informou, e despois contrastamos co concello, o voluntariado está a ser captado polas responsables da concellaría a través de centros educativos da comarca, coa finalidade de ser coordinado por unha empresa privada. Esta empresa percibirá unha compensación económica pola súa laboura de dirección das actividades.

Para nós o ideal sería que os empregados e as empregadas públicas non exercesen de intermediarios para que as estudantes e os estudantes traballen de balde para entidades que só perseguen un fin lucrativo.

Para nós o ideal sería que non se solapasen baixo o voluntariado as grandes eivas das nosas parroquias no que atinxe as garderías e ludotecas públicas.

Para nós o ideal sería que os cartos  públicos se investisen en paliarmos o paro dos nosos veciños e veciñas a través do INEM, no canto de beneficiar as empresas privadas.

Para nós o ideal sería que, xa que o Concello de Redondela facilita o persoal e os locais,o programa fose dirixido e desenvolto polos profesionais que prestan os seus servizos na concellaría e no INEM.

Para nós o ideal sería que a Concellaría de Servizos Sociais argallase un programa de conciliación familiar, apostando pola creación de emprego na nosa localidade.

Polo que dende a FPG apoiamos as iniciativas que promovan a mellora e o benestar social das nosas parroquias, pero non podemos compartir os programas supeditados a empresas privadas que utilicen o voluntariado coma man de obra barata.

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.