25 de Novembro, día internacional contra a violencia machista

Escrito por FPG on nov 24th, 2011 //

O 25 de Novembro de 1960 na República Dominicana rexistrouse o asasinato das activistas políticas as irmás Mirabal  a mans do  ditador Trujillo.  En 1981, celebrouse en Bogotá o  Primeiro  Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, onde se decidiu  marcar esta data como o Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres, lembrando o asasinato das irmás Mirabal.

En 2012, o modelo do capitalismo e a súa maquinaria continúan perpetuando a violencia contra as mulleres. Aínda que maquillen as súas institucións cos enganos sobre o desenvolvemento de políticas públicas e campañas a favor dereitos das mulleres, a realidade é que nos agriden con leis e recortes  orzamentarios que fan que aumente a opresión,  claro exemplo é a Lei de Familia aprobada polo goberniño de Feijoo. Esta norma promove unicamente  o papel das mulleres como parte da familia tradicional e agrava máis a desigualdade xa existente ao relegarnos ao ámbito doméstico e á función reprodutora, obviando por completo o terrorismo machista que asasina ano tras ano decenas de mulleres no país. Recentemente acabamos de ver como a meirande parte do orzamento que debería estar dedicado ao financiamento de accións que pulen pola igualdade entre mulleres e homes foi desviado cara a organizacións antiabortistas e relixiosas que atentan contra o noso dereito de decidir sobre o noso corpo. Mentres Galiza siga sometida aos partidos que representan a faciana máis feroz do capitalismo, sosteranse  institucións que xeren , lexitimen e reproduzan a violencia contra a clase traballadora, da cal xa as mulleres somos historicamente as máis explotadas.

As formas de violencia contra as mulleres son moitas: as mortes diarias a mans das súas parellas, o menosprezo das nosas opinións, as malleiras sufridas en silencio, a imposición dun canon de beleza irreal, os insultos por sermos sexualmente libres… E contra todas elas temos que loitar; temos que deconstruír o sistema dende a base, eliminar calquera forma de opresión rebelándonos no cotián.

Dende a FPG cremos que nestes tempos de crise sendo triplemente explotadas,  as mulleres temos  que estar á cabeza  das loitas que se aveciñan superando as diverxencias que nos manteñen en compartimentos estancos, promovendo e apoiando movementos autónomos que  loiten por un troco radical do sistema que nos ignora. A FPG aposta por  unha política nacional e municipal activa, integral e coordinada co tecido social, sindical e político, comprometida a favor da igualdade e contra a violencia de xénero en todos os ámbitos. Debemos impulsar un debate social, profundo, que cuestione todas as estruturas que reproducen e manteñen a opresión das mulleres. É un traballo de educación social intenso e continuado para que o 25 de novembro deixe de ser unha data de necesaria reivindicación.

Non máis agresións sen respostas!!!!

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.