Gañe quen gañe, o pobo traballador galego perde.

O vindeiro 20 de novembro terán lugar as eleccións ao Parlamento español nun contexto de crise sistémica irreversíbel. Os últimos anos demostraron a ineficacia da socialdemocracia e o seu servilismo ao Capital e aos seus órganos de decisión. Os galegos e as galegas afrontamos estes comicios electorais baixo o bipartidismo institucionalizado -e ben atado na transición borbónica- e a complicidade calada dun nacionalismo oficial só pendente de conservar cotas de poder inane.

Por unha banda, a FPG non presentará listas a estas eleccións nun claro xesto de insubmisión ante un xogo onde as cartas están marcadas. Non seremos nós os que lexitimemos esta farsa electoral destinada a tinxir de democráticas as medidas acordadas nas tobas do poder entre o PSOE e o PP. Ambos os dous partidos teñen repartidos os papeis que debe xogar cada quen: os que se chaman socialdemócratas xa cumpriron o acordado, agora tócalle aos liberais; e nós, os traballadores e traballadoras, deberemos asumir o pago das facturas. A nosa non é unha posición irresponsábel, máis ben ao contrario, pois servirá para chamar a atención sobre un marco electoral viciado polos acordos acadados de costas ao pobo (reforma da lei electoral e reforma da Constitución) co obxectivo claro de amarrar todas as pancas do poder do Estado español.

Por outra banda, no momento de urxencia histórica no que se atopa Galiza, a nosa organización segue a amosar a súa dispoñibilidade a promover, participar e apoiar candidaturas soberanistas que loiten contra a ofensiva do Capital. Na altura en que chegan os vindeiros comicios, é obvio que non existe un proxecto maduro situado nestas coordenadas e que a proposta do nacionalismo maioritario renuncia aos mínimos admisíbeis. A FPG comprometerase a traballar na construción de alternativas en base a uns eixos programáticos mínimos de transformación real ao servizo das clases populares galegas, que nós resumimos nos seguintes puntos:

1.- Contra a submisión ao capitalismo.

Todas as reformas impostas nos últimos catro anos deixaron ben clara a función do Parlamento español de crear as condicións necesarias para perpetuar o sistema capitalista como única vía posíbel, xusto cando este sistema amosa máis claramente a súa inviabilidade. O violento axuste neoliberal debe ter unha resposta en forma de mobilización social ampla e a presenza dunha forza soberanista galega nas Cortes debe contribuír a crear un estado de axitación constante, fuxindo do institucionalismo e do pactismo curtopracista. É preciso esixir a derrogación das sucesivas reformas laborais e das pensións, a reconfiguración profunda dos Servizos Públicos de Emprego, a elevación do Salario Mínimo Interprofesional e a participación dos traballadores e das traballadoras na toma de decisións da empresa.

2.- Pola defensa da clase traballadora galega.

Coa entrada de España na Unión Europea no ano 1986, Galiza, pola súa condición de colonia, foi obxecto da destrución da maior parte do seu tecido produtivo. Hoxe, 25 anos despois, estamos nunha situación de máximo risco. A clase traballadora galega non ten futuro baixo estas regras de xogo, e só un xiro copernicano no discorrer das cousas podería devolvernos á historia. A FPG, como partido dos traballadores e traballadoras, avoga pola recuperación dos nosos sectores produtivos e o impulso da soberanía alimentar e enerxética. Cómpre realizar un cuestionamento activo do Estado español e da UE, artellar mecanismos de diálogo pedagóxico coa sociedade galega que amosen a farsa do discurso globalizador e a ruína que está a supor para o noso pobo.

3.- Pola Autodeterminación dos pobos.

A actual crise do sistema está a servir para modificar o mercado laboral cara parámetros decimonónicos, o discurso economicista ultraliberal fíxose totalitario de xeito que varreu da dialéctica calquera outra proposta alternativa. Agora ben, a censura dos medios sistémicos non quere dicir que o debate non exista de feito na rúa. Aínda así, aproveitan o estado de shock social para tomar medidas que eliminen para sempre calquera opción crítica. As reformas electorais e da Constitución antes mencionadas agochan a intención de reforzar o españolismo mediante razóns pseudo económicas. Cómpre levar tamén ás camaras institucionais españolas máis que nunca a necesidade da autodeterminación para sermos nós as e os que escollamos o noso futuro: que a nosa capacidade para decidir non nos sexa expropiada.

4.- Contra a reforma constitucional.

Até o de agora, nos últimos anos, insistiuse na dificultade dunha reforma da Constitución. Todo intento de progresar nos ámbitos democráticos ou nos dereitos dos pobos eran respostados categoricamente negando a reforma. Agora, nun xesto de clara submisión e cesión da súa tan importante soberanía cando se trata de impoñela ás nacións sen estado, os partidos españois PP e PSOE levan a cabo por vía de urxencia unha reforma que ten por única finalidade obedecer as ordes do capitalismo emanadas desde esa misteriosa troika de Bruxelas, utilizando como escusa o control do déficit público. Non din que se o Estado español tivese un problema de déficit ou débeda públicos (en realidade son inferiores á media da Eurozona) non sería polo gasto público, que é dos máis baixos da UE. Tampouco din que o español é o Estado onde menos impostos pagan as grandes fortunas ou onde máis proliferan a evasión de impostos e as fugas de capitais cara paraísos fiscais.

5.- Por unha banca pública nacional, baixo control social.

Os instrumentos financeiros non poden seguir ao servizo da especulación e do enriquecemento duns poucos. As galegas e os galegos temos dereito a que os nosos aforros se xestionen por vías democráticas e transparentes ao servizo do interese común.

6.- Reforma fiscal cara a igualdade social.

É urxente elaborar unha reforma fiscal que, entre outras medidas, eleve a tributación dos tramos máis altos do IRPF, suprima os privilexios da Igrexa católica e remate cos amparos legais de evasión de impostos das grandes fortunas (SICAV e paraísos fiscais). Cómpre, ademais, un plan para atallar a fraude e a economía somerxida.

7.- Pola defensa dos sectores públicos.

A sanidade e a educación son os grandes obxectivos do capital nos vindeiros anos. A súa privatización e conversión en negocio leva implícito que só terán acceso a estes servizos aqueles e aquelas que poidan pagalos, quedando fóra da cobertura do sistema a meirande parte dos galegos e galegas. Defendemos a paralización da mercantilización do ensino a todos os niveis e a esixencia social de recursos públicos como inversión básica e vertebradora do noso futuro. En canto á sanidade, pulamos por un sistema integramente público e gratuíto, sen fórmulas intermedias, nin re-pagos. Cómpre demandar á derrogación da Lei 15/1997, ferramenta fundamentar para crear un negocio privado coa nosa saúde, así como a consideración da asistencia sanitaria como prestación non contributiva.

8.- Pola defensa da nosa lingua.

Os ataques do PP á nosa lingua, animados pola incompetencia do bipartito, son tamén unha cuestión de clase. Entenden que o galego é a lingua do pobo traballador e eles pertencen a outra clase social, identificada con España. Dun só golpe visan eliminar a nosa conciencia de clase e a nosa conciencia de pobo. Cómpre ser intelixentemente intransixentes e defender nas Cámaras españolas a oficialidade real do noso idioma frente á subalternidade que lle outorga o españolismo.

9.- Fronte á Lei de Estranxeiría e ao racismo institucional.

É necesaria unha oposición frontal a toda a lexislación que nega dereitos básicos á poboación migrante. O combate á Lei de Estranxeiría, que reduce ás persoas migrantes a man de obra barata e submisa, debe continuar en todos os espazos onde a esquerda teña presenza.

10.- Contra a antidemocrática lei electoral.

Denunciamos a asfixia ao poder de decisión que deberiamos ter todos e todas. As eleccións do 20N van desenvolverse baixo os gravísimos recortes á pluralidade representativa introducidos polos partidos maioritarios a través dunha reforma da, xa previamente antidemocrática, Lei Orgánica de Réxime Electoral. Esta reforma limita a participación aos partidos con representación parlamentaria, poñendo como condición aos demais que presenten sinaturas que os avalen (o 0’1% da circunscrición electoral correspondente). Se o sistema se asenta na democracia, como é posíbel limitar a participación? Só caben dúas respostas: ou ben pretenden deixar fóra dos ámbitos de poder aos que pretenden mudar as cousas, ou ben non estamos nunha democracia. No fondo as dúas respostas son complementarias.

11.- Por unha alternativa antipatriacal.

No contexto do monólogo neoliberal impleméntanse as políticas de reclusión da muller no fogar, como a suspensión ás axudas de dependencia ou as políticas natalistas alentadas polo nacional-catolicismo. Precisamos dunha alternativa que defenda unha xestión de profundidade para, dunha banda, rachar as estruturas da violencia patriarcal explícita e simbólica que as mulleres sofren cotiamente (a chamada violencia de xénero), e da outra, pule polo desenvolvemento de condicións reais para a plena igualdade en todos os ámbitos da vida social, cultural, económica e política de mulleres e homes, reorientando a nosa forza colectiva cara á fin do patriarcado como sistema da inxustiza social.

12.- Pola acumulación de forzas.

O contexto actual demanda intelixencia e xenerosidade de todas as forzas políticas que non foron cooptadas polo sistema. Iniciativa Internacionalista foi exemplo da ilusión que sementa entre o pobo traballador calquera iniciativa que supoña unha alternativa ao statu quo pactado de costas a todos e todas.

http://frentepopular.gl/?p=966

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.