Concentración en Cesantes en defensa da Enseada de San Simón.

Apoiamos coa nosa presenza a concentración de protesta organizada pola Confraría de Redondela coa intención de acadar por parte das administracións, Xunta de Galiza e Concello de Redondela, o compromiso de deter as verteduras continuadas que están a por en grave perigo a pesca, o marisqueo, e a supervivencia da Enseada de San Simón.FPG REDONDELA faise partícipe deste requerimento de actuacións urxentes por parte do Concello xa que consideramos as medidas reclamadas de vital importancia para apoiar sectores autóctonos coma a pesca e o marisqueo e a prol dunha ría limpa e chea de vida.Entendemos que a Enseada de San Simón está nun momento crítico a nivel contaminación e responsabilizamos ás anteriores corporacións e gobernos de non ter feito nada.Recordamos as nosas propostas para que tomen nota os que teñen o poder de trocar este desastre natural irreversible ó que nos veremos abocados senón se toman medidas urxentes :

  • Regulamento e proteccións reais da Rede Natura Enseada de San Simón.
  • Traslado a polígonos industriais das industrias chantadas no litoral.
  • Saneamento integral de toda a Ría de Vigo, así como reparación real das depuradoras.
  • Descontaminación eficaz dos fondos mariños afectados por metais pesados.
  • Paralización de todos os recheos na nosa Ría.
  • Inclusión no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), de representación das confrarías de pesca e marisqueo.
  • Cesión aos concellos correspondentes dos espazos ocupados pola APV no litoral da Enseada de San Simón afectada pola Rede Natura..
Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.