Redondela precisa un cambio.

A voz de pobo xa falou.

O Cambio.

Efectivamente Redondela precisaba un cambio, laiavámonos de ter un goberno na man do PSOE e BNG, partidos hipoteticamente de esquerdas facendo políticas de dereitas, laiavámonos do que fixeron e do que non fixeron nas nosas parroquias durante os seus mandatos (30 anos), e tamén das políticas de dereitas que o PSOE está a levar a cabo a nivel estatal.

Entón, falando de prácticas, cal é o cambio?, as siglas? (agora goberna o PP). Se non queriamos as políticas de dereitas da coalición anterior, entenderemos pois que este é o cambio que quería Redondela.

Nós, a candidatura da FPG Redondela, cremos enerxicamente que este pobo precisaba e precisa un cambio, un cambio cara a políticas reais de esquerdas. Polo tanto, este non é o cambio (se é que o hai) que queremos e defendemos.

Tamén anunciamos no seu momento e reafirmámonos en que non iamos pactar cotas de goberno, nin con corruptos, nin con vividores, nin con apoltronados, nin con ningunha forza política, xa que entendemos que os pacto poden significar un paso atrás na construción dunha nova realidade. Os pactos de goberno xa pasaron factura a outros partidos políticos deste concello, que cando estaban destinados a ser oposición, apuntáronse ao carro do poder a conta de vender o seu proxecto, a conta da ambición persoal e ás veces, colectiva (errada como demostrou o tempo).

Para nós, os pactos de partidos poderían ser interesantes nun futuro, porén, cremos que deberían ser apuntalados, anunciados e negociados antes das eleccións, sempre con claridade e transparencia. Mais iso non quere dicir que non se poida chegar a acordos puntuais, non de goberno para nós, non de vantaxes para nós, non de concellerías para nós, non de cartos para nós, non de especulación para nós. Si de responsabilidade, si de posta en valor desas prácticas políticas que entendemos necesarias, si de pór o noso programa enriba da mesa, si de rebaixa de soldos, si de participación e democratización do pobo en política, si de prácticas en definitiva de esquerdas.

A voz do pobo.

Entendemos tamén que este pobo non votou só ao PP, ao PSOE, ao BNG, nin AER. Estes son os partidos que teñen lexítima representación. Porén, o voto nulo (que xa sabemos que non queren participar pero dalgún xeito participan), EU e FPG suman 1529 votos. Nós, cremos que estes votos son da esquerda real ou polo menos os seus votantes decántanse cara esas ideas e se debería tamén pór en valor ou cando menos telo en conta a hora de afirmar ou avaliar a inclinación política do noso pobo.

En todo caso, dende a esquerda non podemos asumir o discurso da lista máis votada, discurso do PP en todo o estado, co que estamos profundamente en desacordo. Se defendemos a democracia e a participación, temos que saber que as minorías son moi importantes para que estas dúas palabras tan  fermosas “democracia e participación” se convertan en realidade e sexan realmente lexítimas.

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.