NOTA DE PRENSA

 

 

 

A Frente Popular Galega (FPG) de Redondela quere facer pública a súa valoración sobre a eliminación da comunicación por tren entre Chapela e Vigo, eliminación consentida, pola práctica política ou por omisión da mesma, polos partidos presentes no Concello.

Dentro de, aproximadamente, quince días vaise eliminar o transporte de viaxeiros e viaxeiras dende Chapela a Vigo e viceversa, que é de vital importancia para manter a comunicación entre a parroquia redondelá e o Concello de Vigo. Esta política incide no desmantelamento do transporte público e ecolóxico, poñendo todos os recursos en fomentar o transporte privado, vía automóbil, moito máis caro e contaminante.

Dende a FPG insistimos na necesidade de fomentar e investir cartos públicos nun transporte para todos e todas e sostíbel, nos planos económico e ecolóxico. Dende o Concello, o último pleno así o demostra, pretenden levar o debate a unha falsa contradición, cando o cerne do mesmo está en ter intención de apostar polo público ou polo privado. Nese pleno falaron da A-57 e da A-59 coma se foran as únicas solucións ao transporte na nosa vila; cando o certo é que deberían apostar por potenciar o transporte público (autobús, tren…) e apostar tamén pola pedagoxía neste sentido. En tempos de crise e de necesario aforro, coma unha vez e outra recalcan todos os partidos, o lóxico sería potenciar o transporte compartido (público) e non o individual (privado) para aforrar cartos e miles de millóns de euros en estradas e subcontratas que fan desaparecer, misteriosamente,  moitos deses cartos. A quen beneficia esta política? Ao cidadán está ben claro que non.

Dende a FPG poñemos en cuestión este modelo e avogamos pola inversión pública e sostíbel. Como iremos agora a Vigo? Dirán que pola senda verde, e nós dicimos que na senda verde só hai ferros e ir camiñando ata Vigo non é compatíbel cos horarios de traballo. Tamén dirán que podemos ir en bicicleta, pero resulta que agora tamén quitan ese servizo porque “resulta caro”. Podemos ir entón no automóbil que debe resultar moi barato (combustíbel, aparcadoiro…), e podemos ir por esa autoestrada que desfixo a parroquia de Chapela e pola que, aínda por riba, temos que pagar 0,75 céntimos de euro.E para mais esperpento agora queren ampliala, igual o fan cos cartos que se aforran no servizo de bicicletas, asi a inversión queda en Chapela.º Esta é a política de transportes que defenden dende o Concello de Redondela (non especificamos partidos porque hai unanimidade), o demais son cortiñas de fume para tentar enganar a nosa intelixencia.

A FPG, así está reflectido no seu programa, defende e defenderá o transporte público como alternativa ao embotellamento das nosas estradas e autoestradas, eliminando así a suposta necesidade de A-57 ou A-59.

Facemos pública tamén a nosa solidariedade cos traballadores e traballadoras de URBASER de Soutomaior, Vilaboa e Pontecaldelas,, que inician unha folga reclamando un convenio digno o vindeiro 16 de agosto. Sabemos de que empresa explotadora falamos, por certo co cosentimento do Concello, pois en Redondela xa tiveron que ir a unha dura folga de 13 días, no ano 2007, para ter un convenio digno. A FPG estivo, está e estará sempre cos traballadores e traballadoras, nunca con quen os explota ou lexitima a súa explotación.

 

 

En Redondela, 11 de agosto de 2011

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.