Contactos colectivos

CONCENTRACIÓN EN CESANTES EN DEFENSA DA ENSEADA DE SAN SIMÓN.

Apoiamos coa nosa presenza a concentración de protesta organizada pola Confraría de Redondela coa intención de acadar por parte das administracións, Xunta de Galiza e Concello de Redondela, o compromiso de deter as verteduras continuadas que están a por en grave perigo a pesca, o marisqueo, e a supervivencia da Enseada de San Simón.FPG REDONDELA faise partícipe deste requerimento de actuacións urxentes por parte do Concello xa que consideramos as medidas reclamadas de vital importancia para apoiar sectores autóctonos coma a pesca e o marisqueo e a prol dunha ría limpa e chea de vida.Entendemos que a Enseada de San Simón está nun momento crítico a nivel contaminación e responsabilizamos ás anteriores corporacións e gobernos de non ter feito nada.Recordamos as nosas propostas para que tomen nota os que teñen o poder de trocar este desastre natural irreversible ó que nos veremos abocados senón se toman medidas urxentes :

  • Regulamento e proteccións reais da Rede Natura Enseada de San Simón.
  • Traslado a polígonos industriais das industrias chantadas no litoral.
  • Saneamento integral de toda a Ría de Vigo, así como reparación real das depuradoras.
  • Descontaminación eficaz dos fondos mariños afectados por metais pesados.
  • Paralización de todos os recheos na nosa Ría.
  • Inclusión no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), de representación das confrarías de pesca e marisqueo.
  • Cesión aos concellos correspondentes dos espazos ocupados pola APV no litoral da Enseada de San Simón afectada pola Rede Natura..

ALCALDÍA

O pasado 15 de xullo, reunímonos co alcalde de Redondela Javier Bas a petición del para tratar o tema da autovía A59 e expoñer algún tema máis que nos parecera importante.

Vaia por diante, que sexa por unha estratexia de marquedoctenia, ou por calquera outra, a nós parécenos ben que o grupo de goberno, queira explicar, compartir e debater os seus posicionamentos coas distintas agrupacións políticas, teñan ou non presenza dentro das institucións. Feito polo cal damos os nosos parabéns.

En dita xuntanza, o alcalde explicounos que estaba en contra da construción deste trazado da autovía A59 por expoliar, ao seu entender, a vida de varias das parroquias da nosa vila. Tamén espuxo, que  tiña á necesidade de dar unha alternativa á mesma, xa que o seu partido non o pode entender doutro xeito. Así posicionáse en contra desta variante, mais propón outra que non afecta tanto a Redondela e si a Pazos de Borbén.

Nós informamos que sendo coherentes co noso programa, e tamén aos nosos principios ideolóxicos, estamos profundamente en contra deste modelo de mobilidade, que non atende aos verdadeiros intereses do pobo. Por outra banda, non poderiamos nunca estar a favor de mandar o problema que nós non queremos a outras poboacións veciñas.

Pensamos, e así llo fíxemos saber ao sr. alcalde, que a solución á mobilidade pasa por reforzar ou crear, unha rede de transporte público, urbano e interurbano, por estrada e por ferrocarril. Suxerimos que si se gastaran a metade dos cartos, (sen falar xa de atentados ao medio ambiente), que require a construción desta autovía en promocionar e xestionar o transporte público, non teriamos este problema de mobilidade ao que el se refería.

Polo tanto, o noso posicionamento é claro, non máis modelo de autoestradas, si ao transporte público.

Fixémoslle saber tamén, que el e o seu partido na Xunta, teñen a solución e a responsabilidade de parar esta obra, no momento que queiran, xa que existe unha lei de prevalencia na que a Xunta ten a potestade en canto ás expropiacións de monte comunal. Algo que ao parecer non teñen vontade de exercer.

Puxemos enriba da mesa máis temas así como foron saíndo, mais  nos indicou que sobre as garderías, os centros de día, e ata a lei de familia temos tempo de falar noutras ocasións. Esperaremos entón.

Tamén informamos dunha eiva en canto ao servizo de iluminación público, cunha solución doada pero que non se ten dado ata o de agora. A cuestión é que cando unha parte do concello queda sen iluminación en venres, non se pon solución ata o luns. Nós pensamos que isto ten que mudar, e nos referimos a casos concretos como o acontecido nesta mesma fin de semana do 8 o 10, no que quedou sen luz a Avd. de Vigo ata altura da Estación de Tren.

Quedamos en seguir mantendo futuras xuntanzas. Pola nosa parte non vai quedar, sempre que se nos informe con antelación suficiente dos temas a tratar, e  que estas  reunións sexan en pé de igualdade.

SOLIDARIEDADE CON LENDA

lendaco.blogspot.com

A Asociación LENDA, é un centro de axuda ao enfermo psíquico que atende exclusivamente a pacientes que son derivados dende o SERGAS, porén non reciben o suficiente apoio económico por parte da administración para desenvolver a súa necesaria actividade diaria.

Sobreviven de subvencións e axudas tanto do SERGAS,  da Xunta de Galicia, e en menor medida do Concello de Redondela e distintas empresas tanto da contorna como do exterior.

Unha das súas principais eivas, na vital cuestión económica é que non saben cando e como van recibir estas subvencións, polo que viven nunha constante incertidume, que grazas a súa vocación non se ve afectada no plano laboral, xa que os seus traballadores  e traballadoras, en moitas ocasións, non perciben os seus salarios en tempo por mor do que estamos a contar.

Nós cremos que este necesario servizo debería ser sufragado polo propio SERGAS, e en todo caso xa que non o fai, como primeiro paso, teriamos que esixir que se abonaran as súas partidas en tempo. Tanto a Xunta, como o Estado, teñen responsabilidades nestas cuestións, e sobra dicir que estes estamentos no que se refire aos  cobros por parte dos usuarios, teñen uns prazos moi concretos que todos e todas temos que cumprir se non queremos ser sancionados.

Non é nin escabelado, nin de iluminados prever que este tipo de organizacións, se poden ver afectados pola deriva dos recortes que esta a facer a administración en cuestións tan importantes como a sanidade.

Pedimos a solidariedade con LENDA, xa que a sociedade( da que non somos alleos), vive de costas a certos problemas, non comprende e ten medo o que non coñece, como é o caso dos enfermos psíquicos. Esta solidariedade agora mesmo, pasa por facerse socio de dita organización( son 4 euros ao mes de mínimo, e pódese solicitar información no propio centro), emporiso entendemos  que cos tempos que vivimos, máis cedo que tarde precisarán axuda reivindicativa.

Non queremos desaproveitar a ocasión para facer chegar a nosa admiración, o noso respecto, e o noso compromiso, a este colectivo polo que lles mandámos un afectuoso saúdo.

A TODO O TECIDO SOCIAL ,SINDICAL ,POLÍTICO...

A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao” e máis a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 anunciamos o pasado mes de xullo a nosa intención de impulsar unha grande convocatoria social, aberta e plural, para demandar a retirada da Cruz do Castro, un dos últimos símbolos fascistas que inda permanecen lamentabelmente na cidade. Esa convocatoria pretendemos que cristalice nun acto reivindicativo, nunha grande concentración cidadá o vindeiro 14 de setembro, por ser a data na que ese monumento á barbarie fascista cumprirá 50 anos desde a súa inauguración no que daquela chamaron Praza División Azul.

cartaz


Tal e como explicamos públicamente esta iniciativa non parte nin da carraxe nin do ánimo de revancha. Xorde dunha elemental pero fonda dignidade democrática, incompatíbel coa permanencia de símbolos que representan a represión, a persecución e o asasinato. Reclamamos que a cruz do Castro non cumpra nin un ano máis en pé, porque após case tres décadas desde a fin da ditadura franquista, ofende o seu mantemento nun lugar tan emblemático da nosa cidade. Non é tampouco esta unha iniciativa contra ninguén, senón en favor da convivencia democrática que só pode asentarse no respecto, dignificación e reparación das vítimas dun réxime totalitario e brutal.