Asembleas

ASEMBLEA ABERTA FPG REDONDELA
11 DE XULLO ÁS 20:30hs.
C.C. CHAN DAS PIPAS SAXAMONDE.
 

NAS ASEMBLEAS SEGUIMOS A TRABALLAR NA NOSA FOLLA DE RUTA E A ESCOITAR AS ACHEGAS D@S VECIÑ@S.

Como resultado da asamblea do día 4 de xuño a FPG decidiu manter unha reunión tódolos luns seguintes aos plenos ordinarios que se celebren no Concello co obxetivo de informar aos veciños e facer unha avaliación conxunta dos temas tratados. Estas asambleas serán sempre abertas a toda a cidadanía. A primeira será o luns 13 de xuño ás 20:30h. na casa da cultura de Redondela.

VALORACIÓN DO COMITÉ COMARCAL DA FPG DAS MUNICIPAIS EN REDONDELA E VIGO

Non é a Frente Popular Galega un Partido meramente electoralista. Na actual fase da loita, entendemos os procesos electorais burgueses como unha ferramenta máis para avantar no camiño de crear as condicións obxectivas que permitan levar a bo porto o proceso de emancipación nacional e de clase no que estamos embarcados desde hai décadas. Antes que o confronto electoral desigual e inxusto, sabemos que son a loita continua nas rúas, a aportación combativa e coherente nas centrais sindicais, a creación e a batalla de ideas, a libre información e formación de cadros, etc… as verdadeiras cuñas para acadar os nosos obxectivos estratéxicos e tácticos.

Porén, analisaremos, tal e como nos corresponde como Comité Comarcal da FPG de Vigo, os resultados das municipais de maio de 2011 nos concellos da comarca nos que presentamos candidaturas: Redondela e Vigo.

Antecedentes á campaña

Intentouse, nun primeiro intre e por iniciativa do Comité Local de Vigo da FPG, sentar os alicerces dunha candidatura unitaria con outras entidades da esquerda independentista organizadas na cidade viguesa. Tras varias semanas de negociacións infrutíferas, o proxecto non callou, polo que houbo que mudar a estratexia para o Concello de Vigo con menos tempo do que se precisa normalmente.

Cómpre aclarar que non é función deste documento analisar as causas desta falla de entendemento, inicial e puntual, coas entidades ás que convocamos para falaren connosco.

Paralelamente o Comité Local de Redondela da FPG foi fragoando unha ilusionante a aglutinadora candidatura de alternativa veciñal por vez primeira para a vila e as parroquias redondelás. O obxectivo inicial da mesma era tecer unha rede simpatizante e crear un equipo de traballo que permita, desde agora, facer traballo veciñal, obreiro, de esquerda real, ecolóxico e en clave de País nos próximos anos no segundo concello da comarca, dando forma así a unha demanda máis que palpábel nos últimos tempos.

Tendo en conta estes extremos, decidíu o Comité Comarcal da FPG de Vigo presentar, por unha parte, unha candidatura ao Concello de Vigo cunha campaña de mínimos e de baixo custe co triple obxectivo de dotar dunha alternativa ao pobo traballador vigués máis consciente, de manter unha cota de escrutinios similar ao 2007 e de blindarmos unha base fiel de apoio ao noso Partido; e, pola outra, unha candidatura ao Concello de Redondela con maior inversión en material que a veciña de Vigo, con maior número de comicios e actos de campaña e cunha maior colaboración da militancia de toda a comarca.

Valoración dos resultados

A FPG de Redondela foi apoiada por 613 votos na primeira vez que se presentaba neste concello. Os comicios do 22 de maio puxeron de relevo o elevado grao de colonización ao que están sometidas as traballadoras e os traballadores, feito que se expresa no afortalamento do bipartidismo en toda Galiza e particularmente no Concello de Redondela: aumento do bipartidismo que só podemos entender como expresión política do acrecentamento dos intereses económicos do Capital transnacional e do Estado Imperialista Español.

Afondando nesta análise, cremos que hai un cambio de paradigma no xeito de se artellar o bipartidismo, que o modelo clásico, PP vs. PSOE, está superado polo incremento do voto nos procesos electorais á ultradereita española, que para ser contrarrestada precisa da sumisión en Galiza do BNG, quen se suma, sen sumar cualitativamente, ao PSdeG-PSOE. Este espazo que vén a ocupar o BNG, póla menor dunha das pólas da galla que é o bipartidismo, anula dun xeito esclarecedor este partido para liderar, para seren os valedores hexemónicos en Galiza da liberación social, nacional, de xénero e da loita contra do proceso de mercantilización ao que se está a someter o medio natural, os espazos onde se desenvolven os nosos sectores produtivos tradicionais, a nosa vida.

En clave local de Redondela queremos salientar o positivo que resultou para nosoutras e nosoutros coma Partido este proceso electoral no que acadamos o sufraxio de 613 veciñas e veciños para o proxecto emancipatorio que levamos a cada unha das parroquias, das aldeas, dos lugares. Que malia que agardabamos dende a nosa candidatura ter representación no concello, porque eramos e somos a única alternativa, porque eramos e somos o único Partido que tiña como horizonte político levar a voz da clase traballadora ao concello; emporiso, tamén, somos conscientes de non lograrmos un dos obxectivos que nos trazaramos, pero, asemade, pensamos que o punto de partida no que nos colocaron os comicios é obxectivamente esperanzador para a clase traballadora, xa que enceta dun xeito consciente o proceso de emancipación en Redondela do que a Frente Popular Galega, a través da súa candidatura veciñal, vai seguir pacientemente termando. A valoración, polo tanto, da Candidatura da FPG ao Concello de Redondela é moi positiva.

Polo outro lado, a FPG de Vigo pasou dos 549 votos de 2007 aos 567 votos de 2011. Non é un grande resultado, pero tendo en conta a modestia consciente da campaña, tendo en conta que se conseguiron os obxectivos marcados e tendo en conta, tamén, que se conqueriron os mellores resultados para unha candidatura municipal da esquerda independentista en Vigo nos últimos 25 anos, o balanzo é satisfactorio. Para alén da valoración meramente electoral e estatística, o feito de presentar por primeira vez unha candidatura ao concello de Vigo en dous comicios seguidos confirma á Frente Popular Galega coma o principal referente simbólico da esquerda independentista, obreira e popular no maior e mais importante municipio de Galiza. Polo tanto a valoración da Candidatura da FPG ao Concello de Vigo é moderadamente positiva.

Como indicamos durante a campaña, a actuación do BNG de Vigo coma un simple apéndice e comparsa do PSOE de Caballero foi interiorizada pola poboación viguesa, acentuándose o bipartidismo PP-PSOE na cidade e condenando ao BNG a unha perda de apoio sen precedentes nas últimas dúas décadas. A batalla entre o PP de Porro/Figueroa e o PSOE de Caballero por ver quen era mais populista e quén desfalcaba mais cartos públicos coa propaganda institucional, foi gañada polo actual rexedor.

Malia o feito obxectivamente negativo para a clase traballadora viguesa da continuidade no poder municipal de Caballero, celebramos que non acontecese o que tería sido un mal aínda maior: o acceso ao poder municipal do neofascismo ultraliberal e galegófobo liderado por unha Porro que incluso lanzou durante a campaña a provocación de propor a imposición do castelán no Concello de Vigo o mesmo Día das Letras Galegas.

Co camiño marcado, traballarmos desde xa

O xeito de axirmos encol da candidatura de Vigo, pero sobre todo o xeito de axirmos encol da candidatura de Redondela, serven de experiencia para nos marcar o camiño de aquí en diante. O contacto continuo coas asociacións veciñais e cos movementos populares, o traballo paseniño de base e a camaradaxe cóbado con cóbado entre os militantes máis novos e os máis veteráns son a nosa mellor aprendizaxe destas dúas candidaturas obreiras e populares.

Somos conscientes, máis que nunca, de que non podemos desaparecer durante catro anos coma se fosemos un Partido-Guadiana. Agora somos o referente de esquerda real da clase obreira máis consciente. Agora temos un camiño ben marcado polo que debemos e no que temos que traballar.

Por último, amosamos o noso enorme agradecemento ás 1.180 persoas que confiaron na FPG, con decisión, con afouteza e sen complexos, na nosa comarca.