Quen somos

A Frente Popular Galega (FPG) ten como base teórica o marxismo-leninismo: a concepción materialista e dialéctica do mundo, instrumento científico de análise da realidade e guía para a acción que constantemente se enriquece e se renova dando resposta aos novos fenómenos, situacións da realidade histórica da nación galega. Este partido, de acordo coa súa natureza de clase e os seus obxectivos revolucionarios, pon en práctica unha política de apoio á loita do movemento obreiro galego e do resto do pobo, uníndose á loita de masas, fundíndose con elas para gañar o seu apoio.

A FPG recolle como propias as experiencias do nacionalismo galego desde os precursores até os nosos días e, principalmente, a teoría e a práctica daqueles e daquelas patriotas galegos que insubornabelmente ergueron a bandeira da loita pola autodeterminación política do pobo galego na dirección da total independencia nacional a través da construción dun Estado Galego Independente, polo que a FPG pula na forma de REPÚBLICA GALEGA.

A FPG ten como programa máximo a construción do socialismo e do comunismo en Galiza e, como obxectivo estratéxico, a consecución dunha República Galega Independente ao servizo do pobo traballador que represente a máis ampla democracia e a redención do noso pobo.

A nivel inmediato a Frente Popular Galega impulsa a máis ampla unidade de acción electoral, anticapitalista, antiimperialista e republicana, reivindicando un paquete de conquistas obreiras, a mellora das condicións da vida do pobo e a defensa do desenvolvemento da produción, o traballo, e o patrimonio nacional, a defensa e ampliación das liberdades democráticas e a soberanía nacional en todos os seus aspectos.

A acción política do Partido guiarase polos seguintes principios:

3.1 Independencia Nacional: Galiza é unha nación e como tal aspira á súa independencia nacional e ten dereito ao recoñecemento e ao exercicio da autodeterminación política.

3.2 Socialismo: o obxectivo da FPG é a creación dun Estado Socialista dirixido pola clase traballadora, como instrumento do pobo galego para a construción dunha sociedade sen clases.

3.3 Anticolonialismo: Galiza está sometida ao espolio e á dependencia colonial do Estado español. Comprometémonos a loitar polo rachamento desta opresión, para acadar a nosa plena soberanía nacional para levar adiante unha formulación económica que permita, mediante unha industrialización racional, coas conseguintes reformas agrarias e pesqueiras, dar solucións aos principais problemas sociais de Galiza: desemprego, emigración, destrución da lingua e cultura propia e depredación colonial dos nosos recursos.

3.4 Democracia Popular: a democracia burquesa española só serve para manter a nosa dependencia e para aumentar os privilexios e beneficios dos poderes reais de Estado Imperialista Español. A única fórmula para gobernar con eficacia é o Poder Popular, establecido mediante o exercicio do control polítco polas clases traballadoras galegas.

3.5 Anti-imperialismo e solidariedade internacionalista: considerámonos inseridos dentro do movemento anti-imperialista que en todo o mundo loita contra a rapina, a expoliación económica e a dominación política, que nas súas máis diversas formas, levan adiante as potencias imperialistas. Somos contrarios, polo tanto, á Unión Europea e á Organización do Tratado do Atlántcio Norte (OTAN), como expresións directas das estruturas de control e dominación económica, política e militar ao servizo do imperialismo. Propugnaremos a solidariedade internacionalista con todos os movementos políticos e con todos os pobos que loitan pola liberación nacional, pola defensa das liberdades democráticas e o socialismo.

3.6 Auto-organización: ao pobo galego perténcelle forzas políticas e organizacións sociais propias como garante da conquista da verdadeira democracia e da autodeterminación política. A FPG ten como aliadas aquelas forzas políticas que, dentro ou fóra de Estado español, apoien as loitas de liberación nacional e defendan o principio de auto-organización.