Programa Electoral 2011

ELECCIÓNS MUNICIPAIS 2011

REDONDELA

PROGRAMA ELECTORAL PARA O CONCELLO DE REDONDELA

Á ESQUERDA

CO POBO E COA TERRA


ELECIÓNS LOCAIS 2011 PROGRAMA DA

CANDIDATURA MUNICIPAL DE REDONDELA DO PARTIDO

FRENTE POPULAR GALEGA

A FPG PRESÉNTASE A ESTAS ELECCIÓNS AO CONCELLO DE REDONDELA PARA DAR RESPOSTA A UNHA NECESIDADE REAL DO POBO TRABALLADOR, MULLERES E HOMES DE REDONDELA, DE TER UNHA REPRESENTACIÓN POLÍTICA PROPIA NO CONCELLO, REPUBLICANA, DE ESQUERDAS, INDEPENDENTISTA, ECOLOXISTA E FEMINISTA.

UNHA CANDIDATURA ALTERNATIVA, NON PACTISTA, ASEMBLEARIA E DEMOCRÁTICA NO SEU FUNCIONAMENTO, QUE POÑA OS ALICERCES DO PODER POPULAR EN REDONDELA.

É POR ISO QUE MILITANTES DA FPG DE REDONDELA, DE ORGANIZACIÓNS SINDICAIS, ECOLOXISTAS, CULTURAIS, VECIÑAIS E SOCIAIS DIVERSAS, ESTAMOS DECIDIDOS A MUDAR ESTA SITUACIÓN QUE PARECÍA CONDENADA A REPETIRSE INFINITAMENTE. TRABALLADORAS E TRABALLADORES, POBO DE REDONDELA CONVENCIDO DA NECESIDADE DUNHA NOVA ALTERNATIVA POLÍTICA QUE POÑA UN FACHO DE LUZ ONDE A MALA POLÍTICA IMPUXO PASIVIDADE E MARXINACIÓN POLÍTICA.

A ALTERNATIVA DE ESQUERDAS

Cómpre superar o mal goberno, o politiqueirismo, a dependencia burocrática partidaria. Urxe sobordar as políticas que supeditan os intereses do pobo de Redondela a expúreos intereses económicos e políticos foráneos, renegar das apetencias de poder, do acomodamento á moqueta, aos avultados salarios, aos privilexios no exercicio da representación política no Concello. É tarefa do pobo rematar, sen máis demora, coa corrupción, co caciquismo e co favor político.

O mal goberno é o goberno xordo, que non escoita o pobo senón os poderosos; o dos políticos que non dan resposta ás demandas populares; o goberno dos partidos que non renovan as súas direccións senón as súas bases, que purgan das súas filas os mellores fillos deste pobo, os loitadores e loitadoras, os críticos, os comprometidos, os que piden explicacións, os insubmisos, os radicais, os que non transitan pola obediencia cega e burocrática.

De nada vale que o caciquismo local protagonizado polo actual alcalde teña continuidade nun novo candidato. Non é críbel que quen tiña que ser oposición e axiña se apuntou ao poder mude o candidato ou a candidata sen mudar as súas políticas e a súa complicidade co poder, facendo ouvidos xordos das demandas das traballadoras e traballadores.

A rebeldía veciñal que durante un tempo boicoteou o proceso electoral do réxime cunha iniciativa real de intervención política, debe dar un paso en positivo golpeando o sistema e o poder onde máis lles doe: na representación política municipal. Debemos mirar o futuro con vontade de intervir, para transformar e construír o poder popular desde a base. Hai alternativa, e esta só pode saír do seo da clase obreira, só nós o podemos facer por nós mesmos, o pobo de Redondela.

Unha nova xeira de mocidade traballadora con conciencia e práctica revolucionaria está disposta a dar a batalla tamén no eido político, con novas propostas, recollendo as arelas populares, facendo das angueiras do pobo armas ideolóxicas para combater os poderosos, os caciques, os burócratas, os submisos. Ar fresco que enche os peitos das e dos militantes con enerxía anovada para gañar o futuro.

A Crise Económica e Financeira.

A crise do sistema capitalista estase a cangar sobre as costas das e dos traballadores incrementando a explotación do traballo asalariado, dilatando aínda máis a xornada laboral, reducindo os salarios, precarizando a contratación, tentando anular a negociación colectiva, recortando as prestacións sociais, as de desemprego, atacando brutalmente o sistema de pensións e recortando substancialmente as mesmas para favorecer os fondos privados de pensións.

Privatización dos servizos públicos, recorte das prestacións sanitarias e da axuda a pensionistas, recortes no sistema educativo reducindo o orzamento do sistema público de educación para favorecer o privado, introdución nas distintas administracións públicas de empresas privadas que xestionan os servizos peor e máis caro cá propia administración, etc. A lista de agravios e recuadas nos dereitos e liberdades colectivas que tanto sangue e esforzo custou conquistar é moi longa, e na administración local temos exemplos claros na limpeza, na cultura etc.

Ante isto, os poderes públicos, copados por esbirros do réxime capitalista, incrementan as políticas recentralizadoras e represivas que pretenden frear a contestación obreira e popular ás políticas antisociais. Non se refunda o capitalismo como predicaban os servidores do capital financeiro, senón que se afonda inda máis nas políticas neoliberais que nos trouxeron a este desastre e a esta crise sabendo que están condenadas de antemán ao fracaso.

E os Concellos son os grandes perdedores desta imposición da lei da selva, xa que se reduce dun xeito escandaloso a súa capacidade de autofinanciamento que proviña da escalada de especulación urbanística desenfreada e que finalmente deu na bancarrota. O seu futuro é incerto e por iso tamén incerto é o futuro do pobo que terá que sufrir o enmagrecemento e a anemia dos servizos públicos fundamentais que prestan estas institucións.

Por todo isto, desde a Frente Popular Galega comprometémonos a facer oposición,  a ser a alternativa da esquerda necesaria no Concello de Redondela guiados polas decisións do pobo organizado en asembleas e en base ao seguinte programa:

PROGRAMA

REPUBLICANISMO E PODER POPULAR

Pomos os valores republicanos no máis alto da acción política colectiva: a transparencia, o asemblearismo, a honestidade contra a corrupción, o laicismo, a participación permanente do pobo en todas as decisións políticas, na planificación e na elaboración orzamentaria. Impulsaremos a democracia participativa, republicana, radical e de esquerdas que sexa semente do futuro PODER POPULAR.

DESCENTRALIZACIÓN DO CONCELLO, REDONDELA TAMÉN SON AS SÚAS PARROQUIAS

Defendemos a descentralización da xestión xa que asistimos a unha repartición de partidas das inversións excesivamente centralizada. É por iso que o noso grupo apostará pola racionalización das inversións tendo en conta as necesidades das parroquias, que polo de agora ven como os seus impostos van sempre cara ao centro da vila e logo teñen que esmolar para cubriren as necesidades máis básicas.

Deberase iniciar un proceso de descentralización política e administrativa do centro de Redondela cara todas as súas catorce parroquias : Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chapela, Negros, Quintela, Reboreda, Redondela, Saxamonde, Trasmañó, Ventosela, Vilar de Infesta, Vilavella e O Viso. Cómpre constituír Consellos Parroquiais en todas as parroquias e estes deberán ter unha representación e un funcionamento democrático e asembleario de xeito que se poida escoitar directamente a voz do pobo, sen intermediarios.

Dependente dos Consello Parroquiais existirá unha estrutura administrativa básica que lles permita aos cidadáns faceren as súas xestións na súa propia parroquia, con atención fundamental aos servizos públicos básicos.

Neste senso, tamén apostamos por lle achegar a atención aos veciños, facendo fincapé na simplificación das xestións e creando oficinas de atención ao público (non marcadas partidariamente nin focadas á venda de favores) sobre todo nas parroquias máis afastadas xeograficamente como é o caso de Chapela, Vilar, Trasmañó etc. Este servizo terá que actuar como ponte entre o cidadán e o Concello, atendendo a todas as reivindicacións e a todas as xestións que lle correspondan ao Concello.

AS TRABALLADORAS E OS TRABALLADORES AO CONCELLO

Levaremos os intereses das traballadoras e dos traballadores ao Concello. Defenderemos a creación de emprego estábel indefinido, con dereitos e salarios dignos, a redución da xornada laboral a 35h semanais como medida de reparto e creación de novos empregos, eliminando as contratas e subcontratas que precarizan o emprego e dividen as traballadoras e traballadores en castes. Avogaremos pola municipalización de todos os servizos públicos privatizados porque a xestión pública é de mellor calidade e máis eficaz no servizo directo ao pobo. Fiscalizaremos a todas estas empresas que se están a lucrar dando un servizo pésimo. Fiscalizaremos tamén todo tipo de pelotazos e de concesións fraudulentas destes servizos privatizados e tamén en canto a urbanismo, ou calquera outra trampa do mal chamado progreso.

Propoñemos a creación dunha rede municipal de Escolas Infantís que dean solución ás demandas das traballadoras e traballadores que precisan deste servizo para poder desenvolverse na súa vida laboral.

Esixiremos a construción de vivendas sociais de promoción pública para a venda ou o aluguer dirixidas á xente nova e a persoas sen recursos económicos.

Apostamos pola creación de Centros de Día de Carácter Público e non privatizados.

É preciso, así mesmo, un plan de emprego para o pobo de Redondela que discrimine en positivo os sectores máis desfavorecidos, que fiscalice as contratacións e subcontratacións, de xeito que as obras municipais, e tamén as supramunicipais, teñan a obriga de contratar os parados inscritos nas oficinas de emprego locais.


Apostaremos tamén por apoiar sectores autóctonos como a pesca e o marisqueo, a agricultura ecolóxica, o uso e aproveitamento dos montes (coa creación dunha concellaría exclusiva de montes e agricultura), polo comercio local para pólo en valor partindo dunha distinción que compita en valor engadido, proximidade, calidade e bo servizo. Para isto, esixiremos un servizo de Grumir permanente e público, así como a subrogación dos actuais traballadores do servizo de Grumir de Redondela.

PLAN XERAL DE ORDENACIÓN URBANA DEMOCRÁTICO

Defendemos un urbanismo sustentábel e un Plan Xeral de Ordenación  Urbana Municipal elaborado democraticamente coa participación de todo o pobo de Redondela, das súas organizacións sociais e veciñais, sindicatos e demais entidades interesadas. Unha das maiores carencias do noso Concello, como acontece en moitos outro de Galiza, é a de non contar cun Plan Xeral de Urbanismo que deseñe, planifique e programe o crecemento e o desenvolvemento sustentábel do municipio.

Este Plan Xeral debe ordenar racionalmente o noso municipio e concretar as infraestruturas e equipamentos básicos que nos son necesarios. Actuaría, ademais, como blindaxe fronte a proxectos de infraestruturas que non son necesarios para o pobo de Redondela e que se pretenden impor para satisfacer os intereses económicos e especulativos do capitalismo monopolista do Estado.

POR UNHA REDONELA VERDE E SUSTENTÁBEL

Defendemos un desenvolvemento sustentábel que entende o coidado do territorio como un elemento sen o cal a calidade de vida do pobo sería impensábel. É preciso frearmos de vez o desenvolvemento irracional baseado no cemento, que nos escraviza e que hipoteca o noso futuro: non á chantaxe da pretendida creación de emprego, pan para hoxe e fame para mañá. O pobo redondelán non pode ser suxeito pasivo da encrucillada de camiños na que se converteu a nosa vila, non podemos consentir que mentres o capital transnacional constrúe infraestruturas ao seu servizo, o noso pobo non dispón dun transporte público colectivo que dea solución á nosa incomunicación real. Debemos, pois, esixir un tren de proximidade que vertebre toda a área metropolitana, desde Soutomaior a Bueu, desde Tui ás Neves, desde Vigo a Baiona.

Coidar e defender os montes de Redondela e pensar o noso futuro en clave de saúde e benestar real. Loitar contra a nova Lei de Augas de Galiza que fai deste recurso natural un negocio e defender o uso racional dos nosos acuíferos e fontes e demais elementos de regadío tradicionais que os proxectos baseados no cemento poñen en risco.

Regulamento e proteccións reais da Rede Natura Enseada de San Simón.

Traslado a polígonos industriais das industrias chantadas no litoral.

Saneamento integral de toda a Ría de Vigo, así como reparación real das depuradoras.

Descontaminación eficaz dos fondos mariños afectados por metais pesados.

Paralización de todos os recheos na nosa Ría.

Inclusión no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), de representación das confrarías de pesca e marisqueo.

Cesión aos concellos correspondentes dos espazos ocupados pola APV no litoral da Enseada de San Simón afectada pola Rede Natura.

É de vitl importancia que o Concello de Redondela, co apoio de todo o pobo, se opoña aos proxectos estatais e da comunidade autónoma de infraestruturas baseadas no transporte por estradas, que fomentan o transporte particular e o incremento do parque automobilístico. O AVE non nos comunica senón que nos illa inda máis, e habémolo ter que ir coller a Vigo; provoca a contaminación dos nosos ríos e trastornos de todo tipo na súa construción. Queremos un tren de proximidade.

Non á variante A-57.

Non á Autovía A-59.

Non á ampliación de Rande. Elimiación da Peaxe da Autoestrada a Redondela.

O que realmente precisa o pobo traballador é un transporte público colectivo, metropolitano, de proximidade, así como un transporte de ría.

Non queremos a senda verde pola vía do tren. Defenderemos os actuais trazados xa que son garantía da nosa comunicación por tren co norte e co sur da provincia.

O conflito dos camións en Chapela precisa unha solución. Propomos a realización dunha estrada que dea servizo entre a nova rotonda de Rande e o polígono de empresas que temos na costa de Chapela. Para isto faremos forza para que Vigo, ou a próxima Área Metropolitana, sufrague esta estrada de ben común porque só así permitiremos que os vehículos pesados que van cara a Teis o fagan pola nosa zona tendo prohibido ir por Vigo. Tamén apostaremos por trasladar as empresas que non precisan do mar e que molestan gravemente, coma o caso de UCOSA.

Esiximos a creación no Concello de Redondela dun Punto Limpo que permita  a reciclaxe de todos aqueles refugallos que os veciños deitan en colectores do lixo convencionais ou que desgraciadamente moitas veces deixan  esparexidos por calquera lado.

Esixiremos que se fomenten e racionalicen as entradas peonís á vila, xa que entendemos que se prioriza entrar en Redondela única e exclusivamente en automóbil. Non existe ningunha entrada peonil racional desde ningún sitio.

Política enerxética: aínda temos en Redondela moitos puntos de luz de apagado e acendido manual. Propómonos eliminar esta práctica terceiromundista e apostar por racionalizar e por utilizar lámpadas de baixo consumo, así como potenciar enerxías alternativas, máis limpas e respectuosas co medio natural. Así, tamén é preciso retirar os puntos de luz fóra dos camiños como medida de seguridade imprescindíbel.

A Corporación Municipal deberalle esixir ás empresas enerxéticas, distribuidoras e comercializadoras que prestan servizo no noso Concello, que abran oficinas locais en Redondela para a atención do pobo e nas que se poidan facer os corespondentes pagos.

O Concello deberá tomar as medidas necesarias para facer accesíbeis a todo tipo de persoas os servizos públicos e a propia circulación de persoas polas rúas, estradas e camiños. Este é un dereito que teñen as persoas con ou sen dispacacidades ou as que simplemente atopan continuamente barreiras físicas, xa que se favorecen fundamentalmente, como xa dixemos, os accesos en vehículos privados.

IGUALDADE REAL ENTRE MULLERES E HOMES.

Defendemos a igualdade real entre mulleres e homes en todos os aspectos da vida política, social, laboral, económica e cultural. Este é un obxectivo que o Concello ten que situar como prioritario, xa que é este un dos eidos nos que malia a toda a lexislación desenvolvida aínda resta moito para acadar a súa realización e os avances veñen sendo moi cativos. Por iso reclamamos que se lle dea o maior impulso á loita feminista concretando isto de partida coa creación dunha Concellaría de Igualdade.

A FPG rexeita a Lei de Familia polo seu carácter retrógrado, que devolve a muller ao seu rol tradicional de nai coidadora. Rexeitamos a Lei de Apoio á Familia e á Convivencia de Galiza que vén de aprobar a Xunta do PP polo seu carácter retrógrado e a profunda carga ideolóxica que soporta. Nela, a maternidade enténdese como rol principal das mulleres, o que supón o control da súa vida sexual e a pretensión de reforzar o concepto de familia patriarcal. Así mesmo, introduce dereitos para os non natos, impedindo que as mulleres poidan decidir libremente se queren ou non ser nais. Persegue confinalas ao ámbito doméstico co pretexto da baixa natalidade e, deste xeito, ao retiralas do mercado laboral, mellorar a taxa de desemprego global.

MEMORIA E ANTIFASCISMO

Redondela ten un enorme patrimonio histórico de mulleres e homes que loitaron con afouteza pola república, pola liberdade, por Galiza e pola construción dunha sociedade socialista. Todos somos debedores do seu papel histórico e o seu martirio no ano 1936 e posteriores. Por iso, deben ser lembrados e homenaxeados como merecen. Para construírmos un futuro de liberdade e xustiza social debemos lembrar o exemplo de quen nos precederon, recoller a súa bandeira e levala con fachenda para que lles sirva de exemplo a quen veñan detrás. Non debemos abandonar a vixilancia sobre elementos fascistas e de extrema dereita que continúan a provocar e a insultar os nosos mártires, deberá haber un seguimento por parte do Concello destes elementos criminosos.

Traballaremos polo recoñecemento permanente das vítimas do campo de concentración de San Simón e pola creación nel dun museo da memoria no que se lembren as persoas vítimas do feixismo e os crimes que se cometeron neste centro de exterminio, así como polo recoñecemento público dos asasinados na Concheira e a realización do proxecto de homenaxe e escultura da Asociación Redondelá da Memoria Histórica.

CULTURA NACIONAL E POPULAR

Entendemos a cultura como un ben de primeira necesidade para o pobo. Impulsaremos unha acción cultural creativa. Deberase facer un proxecto real e permanente de acción cultural para o Concello de Redondela, cunha estrutura municipal estábel e non subcontratada, cunha programación renovada e actual que lle dea satisfacción ás necesidades culturais de todos os redondeláns cunha distribución que se estenda por todas as parroquias.

Especial atención haberalla que dedicar ao espazo de creación cultural, concretado na creación de infraestruturas culturais como un centro teatral permanente con apoio á creación de grupos de teatro propios, un centro de apoio aos novos grupos musicais emerxentes. Os eidos nos que traballar son moitos: apoio á creación literaria e a todo tipo de artes, pintura, escultura, artesanía, xogos populares, construcción e reparación de embarcacións tradicionais, etnografía etc., así como apoiar as iniciativas populares e os equipos e asociacións xa constituídas e por constituír. Entendemos que temos que fomentar a cultura propia do noso pobo fornecendo o tecido asociativo de infraestruturas e medios para a creación e a difusión. A gratuidade debe ser un obxectivo á hora de desenvolver actividades de carácter cultural. Tamén no deporte non se pode entender o elitismo, débese fomentar a participación gratuíta, cando menos para os sectores con menos poder adquisitivo.

Un plan municipal de normalización lingüística que potencie o uso normal do idioma galego e que este sexa utilizado polos traballadores municipais á hora de relacionarse cos cidadáns que reclaman os seus servizos. Entendemos, así mesmo, que o noso idioma é unha ferramenta privilexiada para fomentar a integración da comunidade inmigrante na nosa sociedade, polo que se procurará ofrecer aulas de formación en materia lingüística especialmente dirixidas a este colectivo.

Creación dunha verdadeira rede de bibliotecas e axencias de lectura que lle ofrezan este servizo a todas as parroquias do Concello, así como dotar o Concello dun Bibliobús que solucione parcialmente estas carencias bibliotecarias de xeito provisorio.

Mellora e creación de infraestruturas deportivas do municipio para que teñan a dignidade necesaria para que todo o pobo se poida educar, gozar e coidar da súa saúde en instalacións axeitadas para a práctica de calquera deporte. Apoio ao deporte base.

Creación de máis parques infantís e zonas de esparexemento para novos e vellos en todas e cada unha das parroquias.

ASOCIACIONISMO E AUTOORGANIZACIÓN DO POBO

Potenciaremos o asociacionismo popular e en especial o da mocidade. Deberase crear un centro de apoio ao asociacionismo de base e para as organizacións da mocidade para que se poidan dotar de locais e infraestruturas suficientes nas que desenvolveren as súas actividades con continuidade e estabilidade.

AUTODETERMINACIÓN NACIONAL DO POBO GALEGO

Por unha Redondela comprometida cunha Galiza Ceibe: defendemos e defenderemos o dereito de Autodeterminación do pobo galego. Somos un concello que sempre se comprometeu coa identidade nacional galega e co noso idioma, por iso este pobo e a súa corporación deben ser protagonistas do noso despertar para que lle sexan recoñecidos os dereitos políticos nacionais ao pobo galego.

O POBO É QUEN MÁIS ORDENA

Comprometémonos a non pactar con ningún futuro goberno o reparto do poder, salarios, prebendas ou calquera outro asunto ou privilexio á marxe dos intereses populares manifestados en asemblea.

Somos unha candidatura asemblearia e comprometémonos a debater co pobo en asembleas todos os temas que foren tratados na Corporación e todos aqueles outros de interese para o pobo de Redondela. Todas as decisións tomaranse democraticamente dentro da candidatura e será no debate e no intercambio permanente de impresións e opinións onde estas se lexitimen.

A Asemblea popular convocada pola Candidatura da F.P.G.  de Redondela.

En Redondela, a 17 de Abril de 2011

Aprobada por unanimidade.